luns, 20 de febreiro de 2012

FEIJÓO E A CULTURA

É un segredo a voces. Malia a retórica utilizada nas solemnidades, para Núñez Feijóo a cultura é máis un estorbo que unha oportunidade. Abonda con constatar o valor que lle vén dando nos orzamentos, e tamén o desdén co que afronta as demandas do sector. Ou a reubicación da consellería á sombra de Educación, sacrificando o que en boa lóxica, e en consonancia cos discursos que lle escriben e que el verbaliza, simboliza unha das principais razóns de ser do autogoberno, o diferencial que nos singulariza nun mundo cada vez máis homoxeneizado. Mesmo baixo que responsable político delega a gobernanza cultural, quérese dicir, as políticas que sirven para incentivala e democratizala.
Relegouna mesmo á hora de delimitar administrativa e politicamente as competencias que lle atribúe o Estatuto. Talvez para eludir compromisos cun sector pouco proclive ás súas teses contra-identitarias, e por iso difícil de dixerir. Talvez porque segue atado a un concepto de cultura que bebe exclusivamente das fontes humanísticas, que a dulcifican, e non de todo un sistema de relacións que forzosamente a tensan e a fan conflitiva. Velaí a súa dimensión económica, dando pé ás cada vez máis sectorializadas e fragmentadas industrias culturais. E a súa dimensión política, na que toman corpo as políticas culturais, chamadas a afianzar os procesos democratizadores tanto no referido aos niveis de creatividade como de receptividade ou de acceso á cultura. No que xogan un papel importante os medios de comunicación.
Que o presidente do país amague con xustificar o estado de abandono e postración do que por diversas causas está sendo vítima o sector animando ao ascetismo, coa consabida monserga de que nunca como na escasez brota con maior forza o acto de creación, é politicamente obsceno. Sucedeu hai poucos días, no acto de entrega dos premios culturais da Deputación coruñesa. Autoabsolvéndose con esa disparatada teoría, que deriva dunha anquilosada e irreal maneira de entender e valorar a cultura, como se nada fose con el, nin co seu goberno, refrenda a idea dun gobernante fast food (de consumo rápido), o contramodelo se o ligamos ao ámbito da Cultura.
Facer do Gaiás unha escusa, convertíndoo nun refuxio ao que van dar non só os orzamentos máis sustanciosos, por aquelo de cumprir co morto que lles deixou Fraga Iribarne, tamén canta ocurrencia chegue ao despacho presidencial e reciba o plácet de quen ten como única preocupación a de enchelo de espectadores, mentres entra en estado de shock o tecido cultural, o creativo e o industrial, é irresponsable. Por destrutivo. Someténdose a unha gran contradición: non se atreve a cortar de raíz o fluxo de diñeiro público para ese inmenso contedor, pero á vez consinte en degradalo convertíndoo nun gran supermercado. No que xa se expón algunha que outra vítima. E se un se guía pola vaciedade das declaracións ao respecto do seu sucesor, o correoso conselleiro Vázquez, ata é posible que tamén lle teñan que reservar nicho para el.
Algo positivo, aínda que con enorme retraso. Veñen de anunciar, á fin, a integración das competencias do audiovisual no Agadic, que desta maneira pode chegar a ser unha verdadeira axencia das industrias culturais. Sen que se entenda como, despois de dar este imprescindible paso reunificador, que ten en Cultura o departamento máis acaído, non fan o mesmo coa filmoteca de Galicia, que vai seguir ao parecer en Presidencia.  Luis Alvarez

Ningún comentario: