domingo, 19 de febreiro de 2012

POÑAN ALGO MÁIS DA SÚA PARTE

Xa deixaramos en segundo plano o rebumbio levantado pola influencia que as crenzas relixiosas de Carlos Dívar, presidente do Supremo e do Consello do Poder Xudicial, puideron ter na freada a un informe desta institución sobre a reforma legal do aborto. E de súpeto dispomos doutra mostra do seu pensamento. Ao responder á inquietude dun deputado catalán polo escaso uso das linguas cooficiales no ámbito da xustiza, Dívar rememorou certa ocasión en que chamou a un intérprete de mandingo ao seu xulgado. Despois desculpouse, pero o mal estaba feito: comparara o uso dun idioma español, cooficial no seu territorio, co dunha lingua falada en África occidental.
Pouco antes, a portavoz do Consello do Poder Xudicial, Gabriela Bravo, indicou que "non todos os imputados son iguais", para explicar que a futura declaración xudicial do duque de Palma sexa dispensada de gravación. "Non todos os asuntos xudiciais están sometidos á mesma presión mediática (...) e non en todas as ocasións pode estigmatizarse tanto a imaxe dunha persoa", argumentou. Logo insistiu en que todos os cidadáns son iguais ante a lei, pero que difiren "as circunstancias". Procesos mediáticos hai moitos, ademais do que afecta a Iñaki Urdangarin.
Estas son as persoas que reclaman rigor e respecto ás decisións xudiciais. Que se queixan, como fixo Dívar en sede parlamentaria, do que cualificou como "deslexitimación" do Poder Xudicial. Son os mesmos que constatan, ano tras ano, a demora de millóns de asuntos.
O cal non só deber á escaseza de medios para a Administración de xustiza, senón tamén ao tempo -e ao diñeiro- que se perde mantendo abertos procedementos que se sabe de antemán que non van ir a parte algunha, pero que perviven por intereses pouco transparentes, como sucedeu cun dos referidos a Baltasar Garzón.
Habería que preguntar a estes dignatarios do terceiro poder do Estado se poderían pór algo máis da súa parte para merecer o respecto que demandan, mellorar a imaxe da xustiza e facela máis respectable para o cidadán.

Ningún comentario: