venres, 13 de abril de 2012

CORRUPCIÓN

A ONG Transparencia emitiu un informe no que advirte de que as protestas que están xurdindo en todo o mundo son un reflexo da indignación dos cidadáns ante unha clase política tocada pola corrupción.
Demostra que o problema afecta a todos os países, pero deixa claro que a uns máis que a outros. É o caso de España. O índice de percepción da corrupción, que se emprega en 186 países, sitúanos á cola dos países de Europa. Cunha nota de 6,2 sobre 10, pasamos do notable de fai uns anos a un ben raspado.
Segundo o ranking, España ocupa o posto 31. Por comunidades autónomas, Galicia está na zona tépeda. A Lei de Transparencia devolveu ao centro da actualidade a necesidade dun maior control sobre a xestión política e unha esixencia de maior honradez á clase dirixente.
Para o 62% dos españois, os políticos e os empresarios son os máis corruptos. O 83,4% afirma ter en conta a corrupción á hora de votar. Ademais, o 93,8% é favorable a que se inhabilite aos políticos corruptos. Polo menos neste país, a corrupción é o estigma da política. Un exemplo: en 2010, a Fiscalía cursou 3.874 avisos sobre casos sospeitosos. Unha cifra: 4.200 millóns, nunha década defraudouse o equivalente ao 0,41% do PIB ou o 3,7% do que se inviste ao ano para pagar pensións. Co diñeiro roubado construiríanse 700 quilómetros de autovías. Temos que reforzar as nosas normas penais e administrativas para combater os procesos de corrupción.
Combatela en todos os ámbitos. Así, de golpe, veñen á mente curiosos asuntos que nos limitamos a enumerar, pero que están na mente de todos. A saber: casos Malaya, Gescartera, Roldán, Guerra (o hermanísimo de Afonso), Filesa, ERE falsos, Gürtel, Matas, Palau, SGAE e así sucesivamente, cun recordo especial para Urdangarín, cuxa circunstancia aínda está por ver.
Que pasa por outras lareiras? Exemplos: En Alemaña non se aceptan agasallos de máis de 10 euros; en Francia sanciónase a todo o que se deixe corromper; no Reino Unido establécense penas de 12 meses por mentir sobre as dietas e nos dous últimos meses de 2010 cursáronse 26.500 reclamacións contra actuacións dos deputados.
Podemos ir tomando recortes.

Ningún comentario: