luns, 9 de abril de 2012

FACENDA SOMOS TODOS

Durante anos os diferentes Gobernos hannos aleccionado sobre a importancia de pagar impostos. Fixéronnos crer que "Facenda somos todos". Agora, con todo, é máis importante recadar que manter o principio de igualdade ante a Lei.
Como contribuínte síntome estafado por unha medida que a señora Cospedal consideraba hai pouco como "impresentable, inxusta, antisocial e sobre a que o Partido Popular estaba en contra". Pola súa banda o señor Rajoy consideraba unha amnistía fiscal como "unha ocorrencia que facilitaba que os que pagan van pagar máis e os que non pagan váiselles a perdoar o que non pagaron". Non alcanzo a comprender que cambiou nestes poucos meses para que o PP considere agora unha amnistía fiscal como xusta e social, cando en realidade é un escarnio que desmotiva ao cidadán cumpridor co Estado e unha regresión que anula os esforzos realizados durante anos desde a Facenda Pública na loita contra a fraude fiscal.
Isto non é reformismo. España necesita vontade política de todos os partidos para establecer un sistema fiscal eficiente e equitativo que persiga o delito fiscal e non premie aos que non pagan. O presidente, que sempre fala do sentido común, debería deixarse de ocorrencias e retirar esta medida que constitúe unha burla aos que pagan impostos; un parche que non resolve un problema estrutural e unha volta atrás na concepción dun Estado solidario e serio porque reafirma a impunidade dos defraudadores.

Ningún comentario: