martes, 11 de decembro de 2012

NON ESTAR A NADA

Estámonos a ir ao garete e, non obstante, a vicepresidenta da catástrofe confirma cada venres que todo segue no seu sitio.
Dis "estamos a venres", por exemplo, e parece que a realidade se ordena, que os días seguen xirando arredor do domingo como os planetas arredor do Sol. Pero trátase dun delirio. Dito doutro modo: ímonos á merda. E mentres nos imos á merda, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a vicepresidenta da catástrofe, co xesto de convicción habitual nela, declara sen xénero de dúbidas que estamos a venres e que polo tanto as cousas seguen no seu sitio.
E logo iso sae nos telexornais e ao día seguinte escribimos razoados artigos sobre a noticia e os convidados de Ana Griso e de Susana Rosa debaten con espírito crítico sobre o tema. Pero hai xente que non está a venres nin a luns nin a domingo, hai xente que non está a nada, e non estar a nada é moi fodido, sobre todo cando ves que hai xente que segue a todo e para a que os planetas continúan no seu sitio.
Os seus días suceden ás súas noites, o seu outono ao seu inverno, a súa dixestión á súa inxestión, e os seus días festivos aos seus laborables. Estará a venres vostede, señora vicepresidenta da catástrofe, porque tras a privatización da semana, estar a venres sae por un ollo da cara e a maioría dos cidadáns xa se arrancaron os dous para facer fronte á hipoteca lixo, á sanidade desregulada, á educación desmantelada e agora tamén ás taxas de Gallardón, que decidiu converter a Xustiza nun quiosco de Marbella, só para forasteiros con recursos ou para narcotraficantes ricos, valla a redundancia.
Os días laborables, diciamos, valen un fígado e os festivos son un pudridero estatal do tipo da beneficencia. Sabemos de xente que comezou a empeñar os martes e os mércores que lograra rescatar á privatización da semana como o que empeña as xoias da avoa. Juan J. Millas

Ningún comentario: