domingo, 6 de xaneiro de 2013

CANTOS CORRUPTOS HAI?

Cústame crer que só sexan corruptos os 300 políticos imputados por diversos delitos ante os tribunais de xustiza. A teor da miña dilatada experiencia profesional no periodismo, a cifra debe ser varias veces superior.
En primeiro lugar, por esa especie de impunidade herdada dende aqueles ominosos tempos do franquismo. Resulta que a autoridade é a autoridade e para imputar as súas señorías hai que telos ben postos. Historicamente, ademais, a nosa Xustiza estivo pringada en toda clase de corruptelas, encubridas noutros tempos polo delito de desacato, aplicable a quen ousara criticar un xuíz.
Agora, en todo caso, pervive unha xudicatura ineficiente, sen medios e dunha lentitude indecorosa. Así se explica, por exemplo, que o político castellonenco Carlos Fabra leve nove anos! imputado de varios delitos sen ser xulgado. Se o home resulta inocente, semellante dilación é unha crueldade, e se é culpable supón unha ferinte burla da xustiza.
Outro síntoma preocupante é a impunidade dos centenares de conselleiros que nestes últimos 20 anos saquearon a mansalva as caixas de aforros. Salvo Rodrigo Rato, José Luis Olivas e poucos máis, non foron levados a xuízo, aínda sabéndose que a maioría deles chegaron ao cargo cunha man diante e outra detrás e saíron tan forrados como un príncipe saudita.
O peor, non obstante, é que os partidos políticos, sen excepción, instauraron o financiamento ilegal das súas arcas, sobre a que correron ese ominoso veo do "hoxe por ti, mañá por min,".
Por iso, ata que non haxa un financiamento dos partidos correcto, transparente e baixo control, a corrupción non será a excepción, senón a norma na nosa degradada vida política.  Enrique Arias Vega

Ningún comentario: