luns, 7 de xaneiro de 2013

O CACIQUE

O que a nós nos tocou oír, nesta charanga histórica, é o trombón de Baltar, sostendo con vento e metal a noite de eleccións un estribillo profético menor: " Se non es do PP, fódete, fódete!
Herodes está vivo, segundo anuncia o bispo de Córdoba, que o viu disfrazado de muller barbuda. Ao rei mago Baltasar, o habitual da cabalgata de Carabanchel, vano expulsar por non ter os papeis en regra. E o conselleiro de Medio Ambiente de Baleares advirte: "Rematouse o de vivir do medio ambiente". O fin da historia é xa unha profecía caduca. Ao contrario, estamos a asistir a unha especie de refundición alucinada da historia. En Dead man, de Jim Jarmush, un mozo fuxitivo (Johnny Depp) encontra no Afastado Oeste a protección dun indio chamado Nobody (Ninguén) que cre estar ante a reencarnación do poeta William Blake. Naquel western psicodélico, onde se fonden e confunden os tempos, resulta emocionante oír ao pel vermella recitar relampantes fragmentos do visionario inglés. O que a nós nos tocou oír, nesta charanga histórica, é o trombón de Baltar, sostendo con vento e metal a noite de eleccións un retrouso profético menor: " Se non es do pepé, fódete, fódete! ". Recórdoo nalgunha posición de máis estiloso poder presencial. Foi na recreación histórica da chamada Festa do Esquecemento. Ía vestido de Décimo Xuño Bruto, o xeneral romano que cruzou o río Limia para someter as tribos do país da néboa. As tropas non querían pasar ese límite por temor a perder a memoria. Pero Baltar convenceunos. Na historia alucinada, é un prototipo de personaxe flutuante. O cacique galego como xeneral romano e viceversa. En antigas granxas, un parque móbil con máis de 100 coches de coleccionista. Abdicou no seu fillo, pero os bustos modelo Kim II-sung proclaman pola provincia ourensá a súa condición de Presidente Eterno. Din que o van procesar por enchufar a 115 de golpe. Non o creo. Aquí, ao único que van emplumar é ao rei negro Baltasar. Por vivir do medio ambiente. Manuel Rivas

Ningún comentario: