mércores, 2 de xaneiro de 2013

FELIZ ANO NOVO

Eu voulles pedir que sexan felices
Empezamos mal, seino. A detestable herdanza de 2012 proxecta unha borrasca de negros nuboeiros sobre as nosas cabezas. Demos sangue, suor e bágoas, a cambio de máis sangue, de máis suor e de máis bágoas, pero aínda queren máis, aínda din que non é suficiente. Que, de momento, non van subir o IVE, así que o subirán. Que quizais chegou o día de revisar o dereito á folga, así que o limitarán. Que tanta manifestación dá moi mala imaxe do noso país, así que buscarán unha fórmula para seguir despoxándonos do noso patrimonio, vendendo empresas públicas, desmontando servizos, deteriorando a democracia e endurecendo as condicións de vida dos máis débiles, sen que a xente saia á rúa a protestar. Agora a estupidez sucede ao crime. Nada tan oportuno como este vello verso de Luis Cernuda para saudar ao ano que empeza.
E non obstante, eu voulles pedir que sexan felices. Que busquen no seu interior a chama dunha ilusión pequena, pero tenaz, e a alimenten con mimo durante os 364 días que nos esperan. Que se coiden, e coiden os que teñen preto. Que sorrían aos adultos, que lles fagan cóxegas aos nenos. Que canten vellas coplas, alegres ou nostálxicas, e bailen agarrados, que se bique moito, todo o que poidan, e se esmeren en cociñar pratos saborosos, barrocos, para gozalos xuntos en mesas vestidas con manteis brancos. Que aproveiten as mañás de sol e as tardes de chuvia. Que se mostren orgullosos do seu amor. Que o desborden.
A amargura faranos débiles. A indiferenza, a desesperanza, a desunión das vítimas, fortalece sempre os culpables. Non o consintan. Non lles deixen entrar na súa casa, esborranchar as súas paredes, secar as súas macetas, axexar o sono dos seus fillos. Sexan fortes, por favor, e sexan felices. Porque a felicidade é o mellor xeito de resistir.

Ningún comentario: