luns, 18 de marzo de 2013

A CAIDA DO IMPERIO

O PP prometíallas felices cando horadaba a confianza dos cidadáns, na política en xeral, para facer oposición ao PSOE. Dende o Goberno de Mariano Rajoy e as filas do PP, empurrados polos seus voceiros profesionais, puxeron en marcha o seu particular ventilador.
Ese que esparce o lixo a destro e sinistro, simplemente, para tapar o maiúsculo caso de corrupción xamais coñecido sobre financiamento ilegal dun partido político na nosa democracia e a súa incapacidade manifesta para sacar o país da crise económica. É bo poñer  os cimentos en que o PP está disposto a cimbrear do noso estado de dereito con tal de saír indemne electoralmente de tan inxente delito e ineptitude.
De entre os apaixonantes escenarios que nos brinda o mundo clásico hai un que pode parecerse á situación actual do goberno de Mariano Rajoy: a caída do imperio romano. Nese episodio histórico unha das razóns fundamentais do seu declive achábase no erro que cometeu Roma ao subvalorizar os bárbaros e, por suposto, pensar que canto máis preto estivesen do pensamento e costumes bárbaros máis tempo conservaría a súa hexemonía de poder. O erro foi inxente: Bárbaros e Roma remataron confundíndose ata desaparecer os últimos. O PP pretende confundirse cos demais. Elaborou un programa electoral para gobernar co que enganou millóns de electores incumprindo, ipso facto, os detalles que nel se contiñan en canto accedeu ao goberno. Non abondándolle con este grave incumprimento e observando a súa incapacidade para sacar ao país deste embrollo de recortes e desemprego agora decidiu, como os clásicos, facernos crer que todos somos bárbaros. A pesar da desafección política provocada pola turba ideolóxica do PP e a expansión intencionada de ideas antipolítica hai materias nas que nunca o PP poderá asemellarse nas súas accións de goberno ás decisións tomadas por gobernos socialistas. Abonda recordar a lei de igualdade, o matrimonio homosexual, a dependencia ou o incremento de pensións mínimas moi por enriba do IPC.
Os finais de ciclo, como se presentían nos últimos estertores do imperio romano, teñen todos o mesmo selo: na barbarie xeneralizada na que eles queren seguir gañando a batalla, e mentres non te convertas na solución aos problemas dos demais, te convertes no problema.

Ningún comentario: