martes, 19 de marzo de 2013

INDULTOS

Un indulto é unha medida de graza considerada na Constitución -e na da maioría dos países- como medida de carácter excepcional. Non parece que sexa algo tan extraordinario cando en España hai unha media de cincocentos indultos concedidos por ano. Tampouco dá demasiada confianza o feito de que o goberno non teña que xustificalos.
Se o Estado de Dereito moderno se basea na separación de poderes, que un destes poderes poida corrixir as decisións doutro debería, canto menos, renxer un pouco. Se ademais, para aplicar esta prerrogativa o executivo se apoia nunha lei de 1870, que non lle obriga a render contas nin a xustificar a decisión, converte en urxente o debate sobre a conveniencia de manter ou non este tipo de medidas ou, polo menos, como deberían ser regulados.
A Administración de Xustiza debe ser eficaz e rápida. Só co seu correcto funcionamento lograremos evitar a necesidade de dispoñer de medidas de graza. Se os procesos se demoran anos, como vén acontecendo historicamente no noso país, sinxelamente non estamos a administrar xustiza; polo tanto, o primeiro paso non pode ser outro que a dotación de medios á Administración de Xustiza. Non é entendible que nun mesmo país a Axencia Tributaria sexa un exemplo de eficacia e a Administración de Xustiza o sexa de todo o contrario. Se calquera persoa acusada de calquera delito tivo un xuízo xusto e recorrible en instancias superiores e o seu caso resolveuse nuns prazos razoables e con todas as garantías, non ten ningún sentido que o Poder Executivo corrixa ao Poder Xudicial.
Non obstante non me parece mal que se manteña esta opción. Esta renuncia ao exercicio do poder punitivo do Estado paréceme axeitada sempre que se garanta a equidade, a oportunidade ou a conveniencia da decisión. Aspectos todos que teñen difícil encaixe coa arbitrariedade que supón, nun estado democrático
, que se poida tomar unha decisión, por xusta que esta sexa, sen ter que render contas a ninguén

Ningún comentario: