venres, 29 de marzo de 2013

A GRANDE ESTAFA

Antes naciamos, traballabamos un bo número de anos e, coa xubilación, gozabamos dun ben merecido descanso de xeito máis ou menos desafogado. Esa era unha ecuación que formaba parte do noso plan de vida, do mesmo xeito que só un matemático poñería en cuestión que dous máis dous son catro avisándonos de que iso só é así porque operamos sobre a base dunha convención que denominamos sistema decimal.
Esa secuencia quebrouse ata tal punto de que, acaso naceremos, pero iso é o único, se é o caso, seguro da fórmula que empreguei ao principio. Iso para as novas xeracións que, de todos os xeitos, comprenden xa pola forza dos feitos, que se son gregos, portugueses, irlandeses, españois... (aos chipriotas parece que a idea é tiralos ao mar sen máis) deberán abandonar o país onde naceron ou, con sorte, traballasen a salto de mata e con contratos precarios; e, dende logo, non terán en absoluto asegurada unha vellez sosegada.
Para os cales nacer, traballar e xubilarse era un credo (como o sistema decimal), o que hoxe nos toca vivir é a evidencia dunha auténtica estafa: éo ter entregado ao Estado unha parte moi substancial do froito do noso traballo durante moitos anos e ter crido nun sistema social de base solidaria e pretendida xustiza distributiva, ou sexa, iso que coñecemos como a idea de Europa e o seu único achado verdadeiramente significativo: o estado do benestar.
Agora dísenos con absoluto descaro que a esperanza de vida aumentou e polo tanto é natural que se alongue a idade de xubilación, coma se unha persoa de 65 anos que talvez traballou (e cotizado) máis de 40 non fóra, como antes, como sempre, un ancián ou anciá a quen lle doen as costas, ten quizais hiperglicemia ou a tensión alta e o que desexa é pasear en paz despois de madrugar tanto, malcomido cada día e, en definitiva, ter feito achegas sobradas á sociedade.
De entre todos os insultos que nos vemos obrigados a aguantar cada día polos que nos gobernan, ese é un dos máis insoportables. Sobre todo porque o noso lozano e puxante rapaz que xa nin peitea canas é probable que aínda teña o seu cargo algún fillo no paro, máis a nora, máis acaso un par de netos. Pode mesmo que se na súa casa acolle a unha vásteza que gaña cunha merda de traballo algo máis de 900 euros que non lle dan para independendizarse a pesar de ter 35 anos, ao guaiabo sesentón quitaranlle o subsidio ese de 425 euros que viña cobrando dende que se lle rematou o desemprego e co que aguantaba como podía esperando a xubilación.
E, enriba, todo isto faise -din- para salvagardar o sistema.

Ningún comentario: