mércores, 27 de marzo de 2013

O PAIS PODE CON TODO?

O xoves almorzamos cos ERE de Andalucía, unha fraude que non é un asunto de tres ou catro golfos. É un caso de corrupción institucionalizada cunha desviación multimillonaria de fondos públicos diante dos narices dos gobernantes daquela autonomía.
Hai uns meses, pechouse unha comisión de investigación sen que houbese responsables -políticos, sindicalistas, empresarios- destes feitos, que acumulan 82 imputados e moitos detidos, entre eles por segunda vez ex director xeral de Traballo, o chibo expiatorio oficial ata agora. Pero non houbo dimisión ningunha entre os políticos.
O mesmo xoves, coa dose de cafeína do segundo café aumentou tamén a indignación ao ler que a cúpula directiva de Caixa Madrid se repartiu 71 millóns de euros entre 2007 e 2010, os primeiros anos da crise. Un atraco de luva branca con premios millonarios -o expresidente Blesa levouse 12,4 millóns- para uns directivos cuxa xestión está na orixe da ruína desa caixa que houbo de ser rescatada por 22.000 millóns de euros a conta de todos os cidadáns. Eses dirixentes premiáronse pola súa mala xestión e se despois foron de rositas. Mentres, os accionistas e os clientes enganados coas preferentes o perderon todo.
Falando de preferentes, a semana laboral concluíu o venres, que en Galicia foi un "venres de dores" especial para os compradores deste produto complexo e mal comercializado, que nunca debeu venderse en sucursais e a xente corrente que agora tamén van perder gran parte do seu diñeiro. Os ánimos están xustificadamente alterados, pero cabe esperar que impere a cordura.
Houbo outras noticias, como o espectáculo de dous xuíces "pelexándose polos papeis de Bárcenas", a vinculación finanzas do PP co caso Gürtel, a dimisión "en diferido" de Oriol Pujol, ramificacións dos casos Nóos, Campión, Pokémon... e outros que crean profunda indignación na cidadanía.
É o país que temos agora coa corrupción de cada día. Hai uns anos, cando se producía algún acontecemento político, económico ou social que parecía conmocionar os alicerces do Estado -caso Matesa, intento de golpe de Estado, accións terroristas... -, don Ciprián de Penalva sentenciaba: "O país pode con todo", e era verdade. Pero, de seguir así, ata cando pode con todo?

Ningún comentario: