
E é que o expresidente é da opinión de que quen ten o poder ten a lexitimidade. Así, sen máis. E non é consciente de que o poder é algo que se exerce de prestado, unha condición para decidir e facer e desfacer durante uns anos, e tendo en conta a opinión do pobo, mesmo daqueles que non elixiron a túa papeleta.
Habería que recordarlle que ter emitido un voto nun día concreto non autoriza para poñelo todo patas arriba nin para desoír tantas voces que se negan a perder a forza de tanto berrar. Chámanse cidadáns. Cada un sofre o seu drama particular e coñece a súa situación. Dentro desa clase media, ou burguesa ou 'x', xa conviven moitas subclases: os que foron, os que queren, os que aspiraban, os que perden, os que malviven, os que aínda soñan... Son máis que votantes; son persoas, con preocupacións e medos.
Para eles o que se deteriorou non é un estamento, senón a confianza. E en cada casa aínda quedan moitas noites en vela por chegar. E o poder non é máis que un superheroe vido a menos que estivo hipotecado todo este tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario