sábado, 2 de marzo de 2013

SINAIS GRATIFICANTES DE DESESPERO

Paul Krugman
En ambos os dous lados do Atlántico, os partidarios da austeridade parecen estar a perder os papeis. E iso ten que ser unha boa noticia, un sinal de que, ata certo punto, están a caer na conta de que están a perder o debate.
O primeiro de todo, a triste historia do presentador de televisión Joe Scarborough, cuxa resposta á miña aparición no seu programa, cando me mostrei contrario á austeridade, foi unha estraña campaña para convencer ao mundo de que non hai ninguén importante que comparta os meus puntos de vista.
Por que é isto estraño? Porque aínda que podería estar equivocado respecto aos aspectos macroeconómicos (que non o estou), sinxelamente non é certo, probablemente sexa certo, que son o único que di que o déficit na actualidade e no futuro inmediato non é un problema.
Por iso, na última volta de rosca, Scarborough cita agora un artigo que escribiu en xaneiro o meu compañeiro de Princeton Alan Blinder, quen, segundo di, se opón totalmente á miña postura. Mmm... O artigo que cita, en The Atlantic, leva o seguinte titular: "Como preocuparse sobre o déficit: (1) non o fagan; (2) esperen uns anos; (3) despois preocúpense dos custos da sanidade".
Non é tan diferente do que eu digo.
Por outro lado, Olli Rehn, vicepresidente da Comisión Europea e firme defensor da austeridade, respondeu, nunha carta dirixida aos ministros de Economía, ás desastrosas noticias económicas en Europa, as cales confirmaron as advertencias dos que critican a austeridade e levou a unha reconsideración dos multiplicadores fiscais; parece que están moi metidos nunha trampa de liquidez, que é xustamente o que algúns de nós predixemos. A resposta de Rehn? Temos que parar de publicar estes estudos económicos, porque están a debilitar a confianza na austeridade.
Como dicía, estes signos de desespero resultan gratificantes. Por desgracia, esta xente xa fixo un dano inmenso, e segue tendo poder para facer moito máis.

Ningún comentario: