domingo, 3 de marzo de 2013

MADRID

Cocaína e prostitución a punta pala. E pronto, un xigantesco casino en medio do deserto.
A mellor metáfora dun país onde a economía produtiva foi acantoada pola especulativa poderá observarse no sur da provincia de Madrid. Alá onde clareaba ao sol a roupa colgada das ventás das barriadas nas que miles de obreiros iniciaban unha nova vida lonxe dos seus pobos, levantáronse urxentes barrios improvisados pola necesidade nos que se deu cita a ilusión e o esforzo do primeiro proletariado, que se enguliu pola gran cidade.
E o páramo foi afastándose como o perfil do touro negro que queren converter no símbolo dun país que é cada día menos patria de alguén e máis conglomerado dunha masa enfurecida que arremete ás cegas. Alá onde a barbarie urbanística chegou ao seu clímax, previo á agonía, onde hoxe existen pobos fantasmas que non habita ninguén. Só a ruína.
Está o lugar elixido para construír a cidade do xogo. Territorios entregados ao magnate polos gobernantes dunha nación tan atrasada como no ano en que comezaron a poboarse os estrarradios. Individuos que se axeonllan ante todo o que brilla.
Necesítanse camareiros, putas e crupieres. Seguirá entrando droga a toneladas e alcohol a mares. Seguiremos exportando médicos e enxeñeiros. Aquí sobran. Fernando Salgado

Ningún comentario: