
A un señor que non podía pagar a prótese de xeonllo que necesitaba para a súa recuperación, arrancáronlla antes de que saíse do hospital. As institucións funcionan. A Gerardo Galeote, un tipo da Gürtel tan presunto como Jesús Sepúlveda ou a súa entón esposa, Ana Mato, duplicáronlle o soldo (co diñeiro dos nosos impostos) cando á xente honrada comezaban a baixarllo. E é que as institucións (neste caso, o PP) funcionan. No hospital de Hellín operaron extraxudicialmente a nai do xerente (o que leva os números e talvez decida os despedimentos) por iso, porque as institucións funcionan.
Se queda algunha dúbida de que as institucións funcionan, aí está a desimputación, ou como se diga, da infanta Cristina, a muller que cría que con dous soldos de clase media era posible adquirir un pazo de clase alta. A infanta Elena, sorprendida nun open de tenis (onde se non), declarou a preguntas da prensa que ignoraba se se fixera xustiza, pero que estaba feliz. Feliz, supoñemos, de que as institucións funcionasen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario