mércores, 26 de xuño de 2013

MENOS TROIKA E MÁIS EUROPA

Unha ducia de fontes consultadas polo diario El País dan por seguro un próximo divorcio entre Europa e o Fondo Monetario Internacional (FMI). Para ben ou para mal, as tensións chegan en vésperas do importante cumio europeo que o xoves 27 e o venres 28 debaterá as primeiras medidas contra o desemprego xuvenil e a favor do crédito ás empresas, asuntos de vital importancia para España; de aí o inesperado e controvertido pacto do PSOE de Rubalcaba co Goberno de Rajoy.
Nos rescates financeiros totais ou parciais dos países da Unión Europea, os integrantes da troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e FMI) impuxeron a política financeira dos Estados obxecto das intervencións. Así, a troika, composta por organizacións non xenuinamente democráticas, supervisa os chamados programas de consolidación fiscal de gobernos democráticos, atadas as mans. A cambio de obedecer a troika, os países que o necesiten reciben financiamento do FMI e/ou do BCE. Na práctica, un país asistido pola troika queda intervido porque, ao seguir as súas directrices, perde a súa independencia política e económica, tras ceder ao BCE a súa política monetaria.
Por que rompe a troika? En principio, debido ao fracaso dos plans de rescate. Nese sentido, Bruxelas acusa ao FMI de "lavarse as mans", mentres esta institución, baseada en Washington, replica que rescates como o de Grecia -onde o FMI achegou o 30% da axuda- non funcionan polo rexeitamento da UE a quitas de débeda. Se lle facemos caso ao FMI, a saída da recesión tardará. Nas súas previsións sobre a economía mundial, dedúcese que a década perdida se propaga por toda a periferia da zona euro. Se se cumpren, cinco países da moeda única, entre eles España, non recuperarán polo menos ata 2018 o nivel de actividade económica que tiñan antes da crise, unha crise que primeiro foi financeira e estadounidense, e agora é da débeda e europea. Eses cinco países son España, Italia, Portugal, Grecia e Eslovenia, pero tamén perderon case unha década Irlanda, Chipre e Estonia, o que dá case un pleno dos países periféricos do euro. Ademais, un deles, Italia, estará en 2017 aínda lonxe de recuperar o nivel de PIB real previo á crise e outro, Grecia, estará lonxe.
A gran pregunta agora é se, á fin, haberá menos troika e máis Europa.

Ningún comentario: