xoves, 27 de xuño de 2013

CÁGOME EN...

Cobraban porque si, por señoritos, e para complementar a escasa nómina que xa lles pagabamos vostede e eu por apertar un botón no Congreso
Saben aquel que diu dun operario que era levado a xuízo por blasfemo? Cagárase en Deus cando o seu compañeiro de traballo, nun descoido, deixou caer sobre as súas costas un chorro de chumbo candente. O acusado, que negaba os feitos, asegurou que ao notar correr pola súa pel o ardente líquido, se limitara a dicir: Por favor, Pepe," leva un pouco de coidado co chumbo. O xuíz non o creu. Tampouco nos crería a nós que negásemos ternos cagado en todo ao decatarnos dos sobresoldos que 40 dirixentes do PP, en compañía de Alí Babá, cobraron entre 1990 e 2011: uns 22 millóns de euros repartíronse os mesmos que predicaban a austeridade e proclamaban que viviamos por enriba das nosas posibilidades, os mesmos que aseguraban que era preciso moderar os salarios, os mesmos que acabaron cos dereitos dos traballadores.
E non é que cobrasen esa pasta en concepto de soldo ou como complemento de produtividade, que vai, esta xente non produciu nada que xustificase tales emolumentos, signifique o que signifique emolumentos. Cobraban porque si, por señoritos, e para complementar a escasa nómina que xa lles pagabamos vostede e eu por apertar un botón no Congreso. Aínda unha cousa: o sobresoldo escuro proviña así mesmo, en boa medida, dos fondos públicos alimentados polos impostos de vostede e os meus. Esa panda de ladróns (presuntos), agora no Goberno ou nas súas proximidades, son os mesmos que nos baixaron o soldo para resultar competitivos, os mesmos que nos subiron os impostos para sacarnos os fígados e os mesmos que están a punto de estrangular a base de pensionazos aos vellos. Unha mafia, en fin, completamente instalada baixo aparencias democráticas. Pero eu, señor xuíz, xúrollo, limiteime a dicir que o que fixeron está moi feo.

Ningún comentario: