sábado, 22 de xuño de 2013

MINISTRO MONTORO

Se os ministros de Rajoy son deostados practicamente todos polo pobo español, o certo e verdade é que o de Facenda, o ínclito Montoro, se leva a palma. Unha vez e outra o españolito da pé se farta de facer preguntas a tan xenuíno ministro e en ningún caso obtén respostas, ata o punto de que a Montoro xa lle motejan como "A grande esfinxe". Iso si: cando non pega un novo trompazo, sempre o fai acompañado dun sorriso que semeja en todo a dunha hiena. Sen ir máis lonxe, pregúntaselle a Montoro "como subiu en ano e medio 30 veces os impostos e pola contra aos equipos de fútbol toléralles que fichen xogadores estranxeiros a custos estratosféricos.
Non hai resposta ministerial, faltaría máis. Pregúntaselle a Montoro " como é posible que a pensionistas se lle reteña o 20% de impostos e a moitos tramposos se lle premie canto retornan diñeiro que tiñan ilicitamente máis alá das nosas fronteiras?. Non hai resposta ministerial. Pregúntaselle se é certo que existen deputados que cobran 1.800 euros ao mes se non son residentes na capital e que entre eles estea o propio ministro Montoro?. Non hai resposta ministerial, faltaría máis. Pregúntaselle por que non suprime as subvencións aos partidos políticos, sindicatos, patronal, deputacións, senado, e reduce á metade os concellos e os deputados en Cortes, xa que temos máis que os países civilizados de Europa?. Non hai resposta ministerial, faltaría máis. Pregúntaselle por que non suprime coches oficiais e gardacostas?. Non hai resposta ministerial, faltaría máis. Ségueselle preguntando: Por que hai tantas televisións públicas?, quen paga as custosas delegacións rexionais no estranxeiro?. Por que temos máis Embaixadas de España que Gran Bretaña e Alemaña, poñamos por caso? Non hai resposta ministerial, faltaría máis.
Este desaforado, inconsciente, despersonalizado e débil, politicamente falando, ministro é o BUDA durminte dun Consello de Ministros farto desacertado e cun xefe que para que.

Ningún comentario: