Un
dos propósitos declarados da reforma laboral aprobada polo Goberno
era o de rematar coa dualidade do mercado laboral, no que convivían
traballadores hiperprotexidos polos convenios que facían de tapón
para o ingreso no mercado laboral doutros traballadores, polos
elevados custos de despedimento e outros dereitos conseguidos ao
longo do tempo.
Como se demostrou nos
dous anos de vixencia da reforma, tratábase de desprotexer os
protexidos e de instaurar a precariedade como modelo laboral
preferente.
Segundo os datos do
paro rexistrados correspondentes ao mes de agosto, o sistema laboral
español comezou a darse a volta e o 51% dos afiliados á Seguridade
Social son xa traballadores en precario, ben porque teñan un
contrato temporal, ben porque sexa a xornada parcial, fronte ao 49%
que aínda conservan un contrato indefinido e de xornada completa. É
dicir, aínda quedaría por destruír a metade do emprego fixo para
rematar coa dualidade e achegarse cara ao desexo confesado da
patronal do contrato único e da mínima regulación do mercado
laboral.
O aumento do número
de parados rexistrados no SEPE no mes de agosto, que rompe a
tendencia á baixa dos últimos seis meses e a pesar de que as cifras
interanuais rexistran datos positivos de creación de emprego, volve
poñer de manifesto que a recuperación non ten unhas raíces tan
profundas como se presume, e que está moi lonxe de adiviñarse un
cambio no modelo produtivo do que se siga un crecemento sostido do
emprego, que polo momento segue baseado nas actividades de tempada na
súa maior parte relacionadas co turismo.
Calquera
que gozase de vacacións en lugares turísticos e se entretivese en
falar cos camareiros que lle servían terá comprobado como a maior
parte deles tiña contrato a tempo parcial a pesar de que realizasen
xornadas esgotadoras, nos que as horas de traballo de máis nin
constaban en nómina nin se cotizaba por elas.
Ante esta situación e dada a indefensión dos empregados - "isto son lentellas" - e o exército de reserva existente para ocupar ese posto de traballo, tería sido desexable que o Goberno incluíse, entre as propostas de rexeneración democrática presentadas recentemente, unha específica para falar cos axentes sociais, e sobre todo os económicos, para controlar as fraudes no mercado laboral, porque da falta de reacción ante os abusos laborais procede tamén parte da desafección cara á clase política, incapaz de actuar contra inxustizas manifestas sobre as que se sustenta unha parte da recuperación dos beneficios empresariais, pero que non acaban de trasladarse ao conxunto dos traballadores e menos agora que a dualidade se deu a volta.
A
evolución do paro no mes de setembro dará a medida da evolución do
mercado de traballo ligado á estacionalidade. Entrementres estase á
espera de do cumio europeo para animar o crecemento, e segue
botándose en falta un verdadeiro plan de emprego nacional que dea
resposta aos mozos -entre os menores de 25 anos, o paro rexistrado
diminuíu nos doce últimos meses en 20.020 persoas-, aos parados de
longa duración e aos que non teñen ningún tipo de protección-.
Ningún comentario:
Publicar un comentario