venres, 19 de setembro de 2014

OUTRA VEZ O PETRÓLEO

Outra vez Iraq volve ás portadas dos xornais. Non é polas armas de destrución masiva, nin por Sadam o demo. O trio das Azores, Bush, Blair e Aznar, entraron naquel país como un elefante nunha cacharraría e agora vemos as consecuencias. Yihadistas vinculados a Al Qaeda fixéronse cunha zona estratéxica do país e poñen en risco non só a produción de cru senón as expectativas de crecemento de barrís que Iraq prometera ao mundo para os próximos anos.
 
É pronto para saber as consecuencias. O segredo mellor gardado do mundo é a capacidade de produción de Arabia Saudí. Nestes momentos producen menos de 10 millóns de barrís día e chegaron a producir 12 mill. Polo tanto hai marxe a curto prazo para evitar problemas de abastecemento. Aumentarán os árabes a produción? A curto prazo o aumento do prezo aumenta os seus ingresos e interésalles. Pero a demanda de Europa está estancada e a renda dispoñible dos europeos moi débil polo tanto a súa elasticidade ao prezo do petróleo é elevada e subas do prezo poden facer caer a demanda e baixar os ingresos dos árabes. Os árabes tomaránseo con calma e o prezo pode seguir subindo se a tensión en Iraq non diminúe.

Para España é unha pésima noticia, cos salarios caendo paradoxalmente unha suba do petróleo aumentará o IPC polo aumento dos prezos da gasolina pero intensificaría a deflación e a caída do deflactor do PIB ao reducir as marxes das empresas e as familias para consumir e investir, como sucedeu en Xapón na última década. E aumentará o noso déficit exterior e a nosa débeda externa. A crise e a irrupción das renovables provocou un derrubamento do consumo de petróleo na nosa querida España do 25% e en 2013 consumimos os mesmos barrís que en 1996. Aínda así a economía é máis débil e a suba do prezo seguiranos afectando. Unha suba do 10% do prezo do petróleo permanente tería un impacto negativo duns 3.000 mill de euros. O mesmo impacto pero contractivo que terá a baixada de IRPF.

O crecemento da demanda explícao o mundo emerxente e serían onde máis impacto tería sobre o crecemento do PIB. A evidencia dinos que cando a suba dos prezos do cru é por problemas de oferta a Latinoamérica lle afecta negativamente ao PIB e ao emprego.

Obama tras o fracaso estrepitoso do seu antecesor en Iraq tomou unha posición máis prudente. EUA reduciu a só o 20% a súa dependencia do petróleo de Oriente Medio e son China e Europa os máis afectados pola crise. Ademais xúntase coa crise en Ucraína que ameaza con aumentar o aumento do prezo do gas en Europa este inverno.
 
Estas crises geoestratégicas son moi incertas e impredicibles. En principio non debería ser unha grave crise ata que chega o caos e perdes o control. É o momento de recordar aqueles tempos no que un vaqueiro e un castelán errante querían ser os pistoleiros do mundo. Aqueles tempos en que España ía ben grazas a unha burbulla e Aznar acendíase puros para bloquear as decisións europeas ás tres da mañá, enfrontándonos aos nosos socios estratéxicos Francia e Alemaña. Os mesmos que agora nos interveñen coa Troika.

Tempos no que se mentía para guerrear e defender intereses de empresas privadas vinculadas aos membros do goberno de EUA. Esperemos que nesta ocasión a crise en Iraq se xestione mellor coa nova realidade do goberno global e implicando na solución a China que é un dos países máis afectados e a Rusia que segue sendo un xogador importante na área e no taboleiro geoestratégico mundial da enerxía.

En Europa temos de líder a Merkel que tarda meses en tomar decisións e logo cámbiaas imprevisiblemente. Merkel fixo o ridículo en Libia, volveuno facer en Ucraína e é moi probable que o volva facer en Iraq. En España pasamos da chularía de Aznar ao seu secretario nomeado a dedo que aínda non se posicionou sobre a crise de Ucraína e non é previsible que o faga sobre Iraq. Rajoy está agora concentrado en non perder Madrid e Valencia. Por desgracia España non pinta nada no taboleiro europeo e mundial e o que é máis preocupante temos un presidente que está contento con iso.

E a reacción non debe ser buscar máis pozos de petróleo. Debe ser investir en I+D+i para seguir avanzando na revolución enerxética das renovables para conseguir reducir a nosa dependencia do cru e conseguir unha enerxía a un prezo estable e o máis baixo posible para as nosas empresas e familias en Europa. Só recordar que o custo das renovables só se fai no momento da instalación. Logo só necesitas vento e sol para producir electricidade e son as enerxías máis baratas do mundo, sen riscos e con mínimo impacto de contaminación. O tempo do petróleo barato rematouse e hai que iniciar unha nova era enerxética.

Ningún comentario: