venres, 10 de outubro de 2014

A GRANDE ESTAFA DO PRESUPOSTO DE DEFENSA 2015

Dende a chegada da crise en 2008 os presupostos do Estado demostran como se abandona á súa sorte ás capas máis desfavorecidas da sociedade española. Pois os axustes aplicados foron en contra do interese xeral da poboación, pois se recorta naqueles ámbitos que deberían ser os de maior preocupación: o fomento do emprego, o investimento público para incentivar a economía e o emprego, e o mantemento dos servizos sociais básicos.

Na proposta de presuposto para o ano próximo, obsérvase como o Ministerio de Fomento descende nun 14,2%; o de Emprego e Seguridade Social un 15,5%. En cambio, o Ministerio de Defensa aumenta un aparente 1,1%. E digo aparente, porque só co que se esconde aumenta un 30%. E é que o ministro Montoro coa complicidade do titular de Defensa, Pedro Morenés, fai trampas nas contas, porque a sabendas de que o gasto final nalgunhas partidas será enormemente superior, ocultan as súas intencións ao subvalorizar dúas partidas, a destinada a cubrir a factura dos Programas Especiais de Armamento (PEAS) e os gastos das misións militares no exterior.

Respecto á primeira, o Goberno, como vén facendo en anos anteriores, volveu presupostar a cifra de 6,84 millóns para o pagamento de PEAS, cando nos últimos tres anos foi aprobado un crédito extraordinario que supuxo aumentos nesta partida de ata un 250%. De feito, en 2012 o gasto real foi de 1.782,77 millóns, en 2013 de 879,48, e en 2014 de 883,65 millóns. Para o próximo ano 2015, e de acordo coa programación de pagamento dos PEAS do propio Ministerio teranse que aboar 1.000 millóns. Entón, ¿por que se presupostan tan só 6,8 millóns? Sen dúbida trátase dunha fraude.
 
 No referente á partida sobre as operacións militares máis alá das fronteiras españolas, acontece algo similar, consígnanse 14,36 millóns, cando ano tras ano se produce un gasto de entre 700 e 800 millóns, que son achegados dende un caixón desastre do presuposto denominado Fondo de Continxencias. Outro xeito de camuflar o gasto real en Defensa.

Pero aínda hai un terceiro engano e sen dúbida o máis alarmante. É o referente á Investigación e Desenvolvemento de novas armas. A I+D militar crece nun 43,5%, respecto a 2014, e pasa de 506,8 a 727 millóns; dos cales 563,9 serán créditos ás empresas de armamento a cero interese e ligados a PEAS  e concedidos dende o Ministerio de Industria e polo tanto tampouco suman como gasto no presuposto de Defensa. Unha I+D militar que mantivera unha tendencia á baixa dende o ano 2009 e que agora se volve incrementar. O aumento da I+D militar contrasta co escaso aumento da I+D civil que só se incrementa nun 4,8%. Outro agravio para o desenvolvemento da produtividade e a mellora social.

Estes créditos en I+D militar véñense denunciando como axudas encubertas ás empresas militares, ou peor, en lugar de I+D trátase de pagamentos a conta das armas. Uns créditos que dende o seu inicio en 1997 ascenden á astronómica cifra de 16.120 millóns e que non foron devoltos. Pois obedecen a unha enxeñaría contable: xorden dende o Ministerio de Industria e o Ministerio de Defensa comprométese a retornalos cando pague as armas ás empresas militares. Crearon unha trampa contable que acumula unha débeda impagable e que a Facenda Pública non sabe como resolver, pois se os condona sumarán como déficit público.

En definitiva, trampas contables para amañar o presuposto de defensa e impedir que a opinión pública coñeza o gasto militar real do Estado español e poder xustificar os axustes que debilitan o escaso estado social español.

Ningún comentario: