mércores, 8 de outubro de 2014

A MANCHA ESTÉNDESE EN SANSENXO

A causa por corrupción urbanística suma xa 19 imputados. Os denunciantes non exercen a acusación particular e un deles recibe agora unha polémica licenza.
 
Dende que o 1 de marzo de 2011 o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados incoase dilixencias polas denuncias de tres veciños de Sanxenxo aos que o Concello lles denegara licenza de construción, o proceso deu un xiro ao aumentar a lista de imputados e dividirse en cinco procedementos. Á espera do que decida o ministerio fiscal -se redacta o seu escrito de acusación ou solicita máis medios de proba- o balance xa é de 19 persoas implicadas, entre políticos, técnicos e construtores.

O que en principio parecía unha simple denuncia administrativa entre os centos de expedientes urbanísticos para edificar que se tramitaron en Sanxenxo na pasada década, o caso puxo en evidencia os excesos dun urbanismo incontrolado no epicentro turístico das Rías Baixas. Non obstante, o PP local, que se encontra na diana de todos os dardos, cre que detrás das denuncias están antigos membros e desertores do partido contrarios á candidatura da alcaldesa popular, Catalina González, unha das imputadas neste proceso, e aínda que acabou repetindo mandato tras os anteriores xa anunciou que non se presentará á terceira reelección en 2015.

Cos responsables do urbanismo local dende 2006 tocados por presuntos delitos de tráfico de influencias, suborno, prevaricación e contra a ordenación do territorio e da administración pública, o caso pasou o ecuador dunhas complexas dilixencias que se foron ampliando de forma exponencial ao numeroso elenco de imputados. Agora, a causa podería iniciar a súa recta final cando a Audiencia Provincial de Pontevedra resolva os recursos presentados pola parte demandada contra o auto do xuíz polo que acordou instruír por separado as cinco licenzas investigadas que poñen en dúbida a actuación da cúpula da Xerencia de Urbanismo, xa desaparecida en maio pasado despois de 11 anos xestionando a oferta e a demanda dunha descomunal burbulla inmobiliaria.
 
Algúns imputados aparecen implicados en varias causas. É o caso de Encarnación Rivas, actual secretaria xeral de Urbanismo da Xunta, que dirixiu esta área en Sanxenxo durante os últimos anos do goberno do anterior rexedor, Telmo Martín, tamén do PP, o creador da Xerencia de Urbanismo. Un dos dous asuntos que afectan a Rivas refírese á licenza de dous polémicos bloques de vivendas construídos na rúa Progreso pola construtora Balboa e Chan, con nove imputados. Este é un dos casos máis paradigmáticos porque, mentres se instruían as dilixencias contra practicamente todos os responsables da antiga Xerencia de Urbanismo, se decretou o derrubamento do inmoble que agora acaba de aprazar o tribunal contencioso administrativo de Pontevedra ata que non se resolva o incidente de paralización promovido polo Concello. A demolición xa foi adxudicada por 150.000 euros aínda que os construtores, tamén imputados, e varios propietarios reclamaron a devolución do seu patrimonio ao Concello. O outro asunto que salpica a actual responsable de Urbanismo da Xunta é a peza separada número cinco, aberta por presuntas irregularidades na legalización dun chalé na praia de Montalvo e pola que está igualmente imputada María Soledad Leiro, exconcelleiro de Urbanismo.

Leiro aparece ademais noutras dúas causas. Tamén estám dobremente imputados a alcaldesa; que fose xerente de Urbanismo e actual arquitecto municipal, Rafael Vázquez Abal; a asesora de urbanismo, Ana Belén Louro; e o arquitecto técnico municipal Pablo Guío del Amo. Guío, que se apartou unha longa tempada do Concello por estrés aínda que xa se reincorporou, está imputado en tres causas, unha delas xunto á súa muller, ao ser a promotora das obras ilegais que fixo no seu chalé de Sanxenxo.
 
Malia a inesperada repercusión política que lastrou o caso, os tres denunciantes que deron orixe a estas investigacións (os irmáns Valentina e Manuel Afonso Martínez e Francisco Otero Vázquez) non teñen avogado, polo que non exerceron por agora a acusación particular nin parece que vaian facelo, segundo as fontes consultadas, polo que o futuro procesual dos imputados só depende do criterio do xuíz e o fiscal coas probas que se solicitaron.

O representante do PSdeG na comisión de urbanismo -o órgano que herdou as competencias da extinta xerencia e na que teñen voz os tres partidos da oposición- denunciou a licenza "baixo sospeita" que concedeu este ano o Concello e que solicitou o marido unha das denunciantes, Valentina Afonso, despois de negarlla sistematicamente, unha medida que acabou sendo un dos detonantes do proceso xudicial.

Onde se denegara a construción dunha vivenda, no lugar da Barrosa, o Concello concedeu licenza para almacén de apeiros de labranza. A oposición cre que é unha solución "solapada" porque infrinxe as ordenanzas debido ás características do proxecto. O PSOE esixiu explicacións á alcaldesa para que aclare o expediente e que se faga un seguimento exhaustivo das obras. Quere saber por que un proxecto que antes era ilegalizable agora non o é.

Ningún comentario: