luns, 6 de outubro de 2014

INDIGNANTE

Das decenas de miles de corrupcións habidas en España durante os últimos anos, probablemente esta dos conselleiros e directivos de Caixa Madrid e Bankia é a que máis irritación e frustración provoca. E mira que os houbo gordos e soados! Pero este é especialmente ofensivo por producirse ao tempo que os obrigados ou enganados clientes eran desafiuzados das súas vivendas ou desposuídos dos seus aforros con participacións que chamaban preferentes.
A cúpula de Caixa Madrid e de Bankia gozaron de tarxetas de crédito "fantasmas" e opacas coas que cargaron sobre a entidade 15,5 millóns de euros falsamente contabilizados para pagarse viaxes, restaurantes e outros bens e servizos dignos do seu encumbrada posición. Tamén extraeron diñeiro en efectivo de caixeiros automáticos, polo menos de 2,1 millóns de euros. Estas tarxetas foron outorgadas á marxe dos gastos de representación que tiñan os directivos que á parte cobraban como soldo unha media de máis de 2,5 millóns de euros anuais. Entre os directivos, ademais de Blesa e Rato, figuran os conselleiros nomeados por PP, PSOE, IU e CCOO, 22 dos cales seguiron usando as tarxetas, meses despois de cesar nos seus cargos. A caixa foi rescatada en 2011 con 4.465 millóns de fondos públicos, capital e intereses que estamos a pagar todos, cos nosos impostos e a través dos salvaxes recortes sociais que sufrimos ¿Que pena merecen estes verdugos, ladróns, vividores, antipatriotas, excelentes excrementos, fillos distinguidos da máis abxecta besta? "A forca", respóndelle o comentarista Arlekín.
 Por suposto que non merecen a forca nin os 20 anos de traballos forzados a pico e pa, de sol a sol e a pan e auga e cobrando o salario mínimo que suxire o comentarista CapitanRed. Pero si que merecen a forca social e a implacabilidade da xustiza por apropiación indebida, delito societario e cantos se deriven, en peza separada do asunto principal se preciso é e en prol de que non se dilúa no tempo e as argucias. Estes señores instauraron a corrupción 'legal', coma se o diñeiro e a empresa fosen súas e cun concepto patrimonialista dos bens públicos. Non abondaría con que devolvesen o diñeiro, como xa fixo o famoso Rodrigo Rato ao ser requirido para xustificación dos seus gastos opacos, senón que é necesario o reproche penal, e por suposto a prisión se procede. O descrédito de política e finanzas foi dificilmente reversible. A presunción de inocencia para outras entidades queda destruída. E por suposto haberá de render contas o responsable do Banco de España pola súa clamorosa falta de controis. Hai que auditar España e as súas trampas e corrupcións ao completo e non só a súa débeda. E haberá que preguntarse para que servía e facía a Asemblea de 300 membros de Caixa Madrid, á que pertenceu o agora Secretario Xeral do PSOE. Non pola contía, pero si polo seu significado social, esta ben pode cualificarse de paradigma da indecencia política e profesional. Tanta, que os cidadáns, fatigados, temerán que, como sempre, non pase nada.

Ningún comentario: