martes, 7 de outubro de 2014

AS CLOACAS DAS CAIXAS

As entidades financeiras chamadas Caixas de Aforro só serviron para dar acubillo a amiguetes, enchufados, paniaguados das cúpulas de partidos e organizacións sociais. Os seus directivos, sabéndose protexidos polo poder, converteron unhas institucións que tiñan como obxectivo a obra social en goridas de ladróns, onde o menos importante era xestionar ben o diñeiro público.

O severo diagnóstico axústase á multitude de procesos abertos pola Xustiza á inmensa maioría destes supostos directivos que foron colocados á fronte das entidades sen ter nin idea do que é un balance. E á ruína á que levaron gran parte delas, obrigadas a fusións tardías para salvar os mobles. O Banco de España e os seus sucesivos gobernadores, colocados polo Goberno correspondente, tamén teñen unha grave responsabilidade no acontecido.

Este desnai ten costado aos españois un rescate europeo que teremos que pagar como débeda durante decenas de anos. O peor, o máis sinistro, é que agora sabemos que, ademais, tiñan unhas tarxetas en negro coas que pagaban os gastos correntes. A desagregación minuciosa de cada un destes gastos debe ter coa alma en vino a máis dun ex conselleiro de Caixa Madrid/Bankia porque pode poñer en evidencia os seus vergüenzas. Mesmo nos poderiamos encontrar con algunha factura dun prostíbulo.
 
O concepto que estes "enchufados" tiñan dos gastos de representación é tan amplo que malversaron máis de quince millóns de euros en vivir ao grande. Hai que recoñecer que uns máis que outros e que, para salvagardar a fe na honradez do ser humano, houbo tres que non se levaron nin un duro. Pero hai dous casos especialmente vergonzosos. O primeiro é o ex presidente da entidade Miguel Blesa que, non contento co desmesurado salario que cobraba, se axenciaba un sobresoldo opaco ao fisco para pagar a súa ansia de ostentación. O outro é o militante de esquerda Unida, Moral Santín quen, esquecendo aos "arriba parias da terra" ou precisamente por iso, sempre estivo disposto a amparar as felonías da dirección da Caixa a cambio de levarse un diñeiro a mancheas.

Algúns, espantados pola alarma social e asustados de ver o seu nome e a súa foto nos xornais, apresuráronse a devolver parte do diñeiro. Pero non é suficiente. Hai que devolver ata o último céntimo, antes de que o fisco e a Xustiza lles indiquen o destino que debería reservarse aos que malversan os diñeiros públicos.

Pero os cidadáns indignados e enfastiados deben prepararse porque isto non fixo máis que empezar. Guindos xa anunciou onte que se detectaron vinte irregularidades nas entidades rescatadas. Outra das Caixas quebradas, que acabou sendo comparada por un euro polo Banco de Sabadell, a Caixa do Mediterráneo, ten a todo o seu consello de administración baixo a lupa do xuíz Gómez Bermúdez por permitir ao seu presidente, o ilicitano Modesto Crespo, atribuírse unhas dieta de 300.000 euros.

É a gota que enche o vaso da irritación social contra unha clase política, sindical e empresarial na que se taparon os uns aos outros para desvalixar as arcas públicas.

Ningún comentario: