venres, 19 de xaneiro de 2007

A XUNTA REXEITOU O PXOM

A Xunta require ao Concello de Vigo que subsane as deficiencias do Plan Xeral para garantir a seguridade xurídica e poder aprobalo definitivamente
.
Os problemas legais detectados están relacionados co nivel de servizos públicos para garantir a calidade de vida dos cidadáns, e coa clasificación do solo.
Segundo a conselleira María José Caride, “cómpre que o Concello corrixa canto antes estas deficiencias para que Vigo poda comezar a desenvolver o seu proxecto de cidade no 2007”
Persisten as deficiencias que xa foran sinaladas no informe previo á Aprobación Inicial emitido pola anterior Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en 2004.
O Concello de Vigo debe corrixir as carencias expresadas nos informes sectoriais vinculantes de Costas, Estradas, ferrocarrís, e Augas de Galicia, así como incorporar a resolución da Comisión Superior de Urbanismo.
.
Santiago, 19 de xaneiro de 2007.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes vén de requirir ao Concello de Vigo que subsane as deficiencias detectadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de garantir a seguridade xurídica deste documento e poder aprobalo de xeito definitivo. Así llo comunicou esta mañá a conselleira, María José Caride Estévez, á alcaldesa da cidade, Corina Porro, nunha conversa telefónica, ao tempo que a Dirección Xeral de Urbanismo lle remitía a Orde da Consellería pola que a aprobación definitiva do Plan Xeral queda supeditada a que o Concello corrixa as cuestións sinaladas na mesma.
Co fin de facilitar que Vigo conte canto antes cun Plan de ordenación municipal, a conselleira de Política Territorial expresou a súa vontade de total colaboración e cooperación co Concello de Vigo para adaptar, canto antes, as deficiencias do Plan á normativa urbanística vixente, unha liña xa expresada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cando sinalou que Vigo contará cun PXOM en 2007 sempre que se resolvan as eivas legais que contén o documento.
María José Caride subliñou que “como conselleira de Política Territorial e como viguesa ben sei que Vigo necesita e merece un Plan, pero un Plan que garanta a seguridade xurídica, os servizos e infraestruturas básicas para os cidadáns, que permita o desenvolvemento social, empresarial e socioeconómico da primeira cidade de Galicia, que garanta o acceso a unha vivenda digna e que ordene a cidade". "En definitiva –engadiu- un Plan que se poida executar e financiar, que respecte o Medio Ambiente, un Plan que faga de Vigo a cidade na que se poden desenvolver os proxectos de futuro das súas xentes”.
Durante a súa intervención para dar conta do contido da Orde sobre o PXOM vigués, a conselleira matizou que as deficiencias detectadas pola Dirección Xeral de Urbanismo trala análise pormenorizada do Plan están presentes dende a primeira fase do traballo e xa aparecían recollidas no informe previo á aprobación inicial do PXOM realizado polo anterior conselleiro en data de 28 de xullo de 2004.
Os principais problemas legais están relacionados co nivel de servizos públicos para garantir a calidade de vida dos cidadáns, e coa clasificación do solo, xa que un Plan debe contar coa necesaria capacidade de infraestruturas e servizos xerais (auga, saneamento, infraestruturas viarias, ...).
Así mesmo, o Concello de Vigo deberá corrixir as carencias detectadas nos informes sectoriais vinculantes de Costas, Estradas, Ferrocarrís e Augas de Galicia, así como incorporar a resolución da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia. Adicionalmente, o PXOM debe obter da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a resolución sobre o procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica ou a declaración de inviabilidade prevista na disposición transitoria primeira da Lei 9/2006, sobre a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.
.
PRINCIPAIS DEFICIENCIAS DO PXOM:
.
1.-Extensión da cidade: A Dirección Xeral de Urbanismo entende que o PXOM, nos seus termos actuais, contempla unha extensión desmesurada e insostible de solo urbanizable contradicindo a actual lexislación urbanística por ser incompatible cos principios de contención, sustentabilidade e utilización racional do solo. Aínda así, considera axeitada a solución nos bordes da cidade, pero non así no resto, debido á extensión desmedida do solo que se pretende urbanizar.
“O principal problema urbanístico da cidade de Vigo é o da súa extensión e modo de asentamento. Na actualidade xa está transformada (urbanizada ou sub-urbanizada) unha grande cantidade de solo, en proporción superior á desexable para a poboación da cidade. Polo tanto, un criterio básico á hora de clasificar novos solos urbanos ou urbanizables debe ser o da contención, aínda a costa da densidade (a densidade media do conxunto da cidade actual está en valores baixos). O PXOM ofrece unha solución probablemente axeitada para os ocos do tecido existente nas beiras inmediatas da cidade compacta. Pero fóra dela, o plan plantexa tamén unha gran cantidade de pequenas extensións de solo urbano e sobre todo áreas de solo urbanizable cuxas capacidades residenciais superan as que se poden estimar como necesarias, provocando unha gran extensión global de solo a transformar, en principio innecesaria no prazo para o que se articula o plan xeral e, principalmente, que non resulta congruente cos principios de sustentabilidade e utilización racional do solo, que son principios inspiradores da lexislación urbanística.”
2.- Infraestruturas básicas escasamente dimensionadas: O Plan non contempla solucións que garantan a calidade de vida da cidadanía e que afectan aos servizos máis básicos (auga, saneamento,...)
“Na actualidade a rede de saneamento de augas residuais ten deficiencias de servizo, principalmente por falta de capacidade de depuración para os caudais altos. O PXOM non deixa resolto este problema, e mesmo o agrava, pois prevé un forte crecemento da cidade sen artellar, previamente, as solucións de infraestrutura.
Algo semellante ocorre coa rede de abastecemento de auga potable, pois o plan xeral non deixa previstas as actuacións necesarias para poder garantir o servizo aos consumidores actuais e aos futuros que xurdan co desenvolvemento do plan.”

3.-Carencias na estratexia de desenvolvemento: O Plan non garante un desenvolvemento ordenado entre o crecemento urbanístico e a dotación de servizos nin establece prioridades ao respecto.
“O plan xeral vén obrigado a establecer a estratexia para garantir o seu desenvolvemento coherente. Debe garantir a viabilidade técnica e económica da obtención e execución dos sistemas xerais, como requisito previo para o desenvolvemento das áreas de solo urbano non consolidado e de solo urbanizable delimitado.
A estratexia de crecemento urbano do plan xeral non garante un desenvolvemento ordenado ao non acompasar o ritmo de crecemento da cidade coa execución dos sistemas xerais.”
4.-Incorreccións na clasificación do solo: A Lei 9/2002 fixa os criterios para a clasificación dos solos, de xeito que o solo urbano é aquel que está ubicado no entramado urbano e, ademais, conta con servizos de acceso rodado, abastecemento de auga, evacuación de augas residuais e subministro de enerxía eléctrica. O PXOM de Vigo tipifica como urbanos solos que non reúnen as condicións para selo e clasifica de forma distinta solos que teñen as mesmas características.
“O plan xeral non xustifica suficientemente a proposta de clasificación do solo que realiza, de tal modo que en diversas zonas, atendendo aos datos que contén o documento, a solución adoptada non responde aos requisitos que establece a lexislación vixente.”
5.-Outras deficiencias: -As estimacións de crecemento urbanístico do propio Plan Xeral son contraditorias, incumpren as condicións para un desenvolvemento coherente e superan as súas propias proxeccións.
Procedemento
Agora corresponde ao Concello de Vigo incorporar ao Plan as modificacións derivadas dos informes preceptivos e vinculantes en materia de costas, estradas, ferrocarrís e augas.
Tamén deberá obter da Consellería de Medio Ambiente a resolución sobre o procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica ou a declaración de inviabilidade prevista na Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.
Por todos estes motivos, todos eles fundamentados na normativa urbanística vixente, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes decidiu resolver que non procede outorgar a aprobación definitiva do PXOM de Vigo.
Non obstante, unha vez subsanadas as deficiencias indicadas e aprobadas polo Pleno da Corporación viguesa as modificacións que procede introducir, elevarase de novo o documento a esta Consellería para a súa aprobación definitiva.

1 comentario:

Anónimo dixo...

por qué toba estaba tan nervioso que empezó a hablar en castellano en la radio galega tanto perdió