O PP adxudicou en Vigo o guindastre municipal "para pagar favores"
.
A adxudicación do servizo municipal de guindastre e retirada de vehículos, en xaneiro pasado, foi un pago de favores do goberno local do PP ao presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), José Manuel Fernández Alvariño, segundo o PSdeG. O presidente da CEP vendeu os terreos á empresa adjudicataria, que gañou o concurso "de forma irregular", contra os informes da Xerencia de Urbanismo.
As concesións municipais "partidistas e precipitadas" conferidas polo goberno do PP en Vigo "hipotecan o futuro da cidade e xeran unha grave inseguridade xurídica", sinalaron onte os socialistas Xulio Calviño, Isaura Abelairas e Manel Galego, en relación coa adxudicación dos servizos de guindastre, de ORA e de aparcadoiros soterrados por un valor conxunto superior aos cen millóns.
A adxudicación do servizo de guindastre cumpre o pliego de condicións, precisou o concelleiro Xulio Calviño, pero a capacidade de depósito pasará, de 1.500 a 1.800 vehículos que caben nas actuais instalacións, a só 485 prazas nun edificio que aínda non se empezou a construír en terreos vendidos polo presidente da CEP á empresa adjudicataria, Setex Aparqui, SL.
Segundo Calviño, o goberno municipal "non parou ata que só quedou esta empresa" como candidata á adxudicación. Isaura Abelairas, ex edil e candidata na lista socialista, apostillou que Fernández Alvariño beneficiarase dos terreos en que se situará o futuro depósito municipal, onde se construirá unha nave de cinco plantas, dúas das cales destinaranse ao almacenamento dos coches que retire o guindastre, e o resto "para os negocios" do presidente da CEP.
Abelairas criticou a Fernández Alvariño por non cumprir o seu papel institucional e actuar "como mamporrero do PP", dixo, na polémica que suscitou a conexión do AVE entre Vigo e Madrid. Cando Manuel Fraga, naquel momento presidente da Xunta, e Corina Porro confirmaron que non se faría, [Fernández Alvariño] non dixo nada, e agora, co PSOE no Goberno, ameaza con saír á rúa a manifestarse, afirmou. Os portavoces socialistas descartaron un recurso ante os tribunais porque xurídicamente sería moi complicado.
Con respecto á adjudicación da Xestión do Estacionamento Restrinxido (XER, antes ORA), Calviño indicou que o único argumento do goberno local para manter a adxudicación á empresa que actualmente a detenta é seguir dando para comer a 40 familias, o que, sendo importante, non parece suficiente se se teñen en conta deficiencias da súa oferta no concurso como a redución das prazas para este tipo de aparcadoiro en superficie a case a metade.
Na adxudicación pendente da construción e explotación de seis novos aparcadoiros soterrados prodúcese unha inseguridade xurídica que, segundo Calviño, propiciará recursos "con bastantes posibilidades de éxito" das empresas que non resulten elixidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario