sábado, 25 de abril de 2009

OS RÍOS PERDEN O SEU CAUDAL POLO EFECTO DO CAMBIO CLIMÁTICO

A auga doce que recibe o Pacífico reduciuse ao redor dun seis por cento durante os últimos 50 anos
Os ríos do planeta sécanse e cada vez achegan menos auga aos océanos. É un proceso moi lento, pero significativo e inexorable que vén constatando nos últimos cincuenta anos e que se agravou polo efecto do cambio climático. Así polo menos recóllese nunha investigación publicada na Sociedade Americana de Meteoroloxía e elaborada polo Centro Nacional para a Investigación Atmosférica de Estados Unidos, que analizou os rexistros do nivel de auga de 925 caudais de todo o planeta obtidos entre os anos 1948 e o 2004. A maior excepción a este fenómeno xeneralizado constitúeo a zona ártica, que rexistra un marcado incremento no fluxo de auga debido ao derretimento da neve e o xeo polar. Outro tanto ocorre en grandes caudais como o Brahmaputra, no sueste Asiático, ou o Yangtsé, en China, debido ao derretimento dos glaciares na cordilleira do Himalaya.
Pero a norma xeral é outra. Por exemplo, a auga doce que recibe o océano Pacífico reduciuse no período de estudo ao redor dun 6%, o que equivale a 526 quilómetros cúbicos. Ou o que é o mesmo, o volume que flúe ao ano polo río Misisipi. O Columbia, en Estados Unidos, perdeu ao redor do 14% do seu volume durante o mesmo período.
O descenso no caudal dos ríos ten un culpable histórico: a actividade humana. A construción de presas, o desvío de caudais para a agricultura e cada vez maior consumo humano de auga son os principais síntomas dunha hemorraxia que ameaza con agravarse. O perigo nesta ocasión vén dun factor novo: o cambio climático. O aumento das temperaturas a escala planetaria repercute, por unha banda, nos patróns de precipitación e, por outro, aumenta as taxas de evaporación da auga.
Se esta é a evidencia que constataron os científicos, a predición apunta que o fenómeno continuará e ata se agudizará e que a diminución dos recursos hídricos afectará especialmente ás zonas do planeta máis vulnerables e con maior poboación. «Un caudal reducido aumenta a presión sobre os recursos de auga doce en gran parte do mundo, especialmente cunha maior demanda de auga segundo aumenta a poboación», explica Aiguo Dai, do Centro Nacional de Investigación Atmosférica de Estados Unidos.

Ningún comentario: