martes, 12 de xaneiro de 2010

O IMPERIO ROMANO ACABOU MAL

EN BUSCA DO TESOURO

Máis dunha vez pregunteime se o investimento en infraestruturas dun país ten un límite ou tende a infinito. Por estúpido que lles pareza non se se ás nosas cidades débese acceder por unha ou por sete autovías, se o tren de alta velocidade debe ir a Vila de Cruces ou se se necesita un palacio da cultura en Castroverde. Tampouco me explico por que o número de portos deportivos crece exponencialmente nun país de mar proceloso e son incapaz de entender onde está o truco dos polígonos industriais sen industrias. Non é que crea que calquera tempo pasado foi mellor, pero non me cabe a menor dúbida de que hai outra forma de facer as cousas.
¿Non lles parece raro que os países europeos con maior calidade de vida teñan menos quilómetros de autovía por habitante que España?, ¿non lles sorprende que, pola contra, esteamos á cola dos investimentos en educación e medio ambiente? Non se se as cifras das infraestruturas galegas sitúannos á cabeza de algo, pero, de ser así, esa cabeza está oca. Pénseno: mentres moitos núcleos rurais en Europa están unidos por pequenas e coidadas estradas, as nosas vías deben ter capacidade para dous camións articulados que xamais se cruzarán. Multiplícanse as estradas, os portos e as infraestruturas culturais mentres as universidades teñen que mendigar, a cultura popular está pasada de moda e a conservación da natureza confúndese con soltar troitas.
Segundo datos do Ministerio de Fomento, construír un quilómetro de autoestrada nun territorio como o noso pode supor ata seis millóns de euros sen ter en conta os gastos previos de expropiación, proxectos, etcétera. Segundo as mesmas fontes, algúns trens de alta velocidade en construción teñen un custo estimado entre dez e trinta millóns de euros por quilómetro. Utilizando esta nova unidade de medida, bastaría o investimento nuns poucos quilómetros para paliar a situación das nosas universidades, do sector agrícola ou cambiar o panorama da conservación da natureza en Galicia, por pór algúns exemplos. Non creo que resulte tan irracional exporse estas cuestións cando os recursos escasean e, desde logo, creo que moitos cidadáns asumirían esa formulación.
Contan as crónicas que cando Danny de Vito visitou Madrid no 2001, exclamou asombrado pola gran cantidade de obras e túneles: «Madrid é moi bonita, pero o será aínda máis cando atopen o tesouro». Supoño que lles parecerá unha esaxeración, pero cando nun país agrícola ven máis pas e tuneladoras que tractores, cando nunha terra mariñeira hai máis traballadores enchendo a costa que pescadores, as cousas non poden ir ben. Ninguén nega o papel das infraestruturas no desenvolvemento dun territorio pero, por favor, atopen pronto o tesouro ou será demasiado tarde. ¡País!
Javier Guitián Catedrático de Botánica, Universidade de Santiago

Ningún comentario: