mércores, 20 de marzo de 2013

ABUSOS

Algo debía renxer na lei que regula os desafiuzamentos cando o Goberno promoveu un código de boas prácticas que os bancos podían, ou, non subscribir. Coma se désemos por feito que as boas prácticas na relación entre prestamistas e prestatarios fose só unha presunción. E debía selo, porque, pola contra, para que facía falta tal documento, que, en definitiva, é papel mollado se se confronta coas cláusulas dos contratos. E o caso é que os mecanismos que regulan en España os procesos de desafiuzamento son, a xuízo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, abusivos para os consumidores e vulneran as leis comunitarias. Xa podemos gardar o compromiso de boas prácticas onde nos caiba, porque agora o que toca é facer reformas lexislativas para que os xuíces poidan protexer os cidadáns fronte aos bancos en determinados casos de execucións hipotecarias.
Tivo que sacudirnos unha crise espantosa e producirse casos dramáticos como consecuencia de ordes de desaloxo de vivendas para que sexa Europa a que saia ao rescate de consumidores atropelados pola letra pequena. Sucede coas hipotecas, pero poderiamos estar a falar das preferentes, cuxa letra non só é pequena senón incomprensible para unha inmensa maioría de subscritores que non tiñan ningún afán especulativo.
Todo parece consecuencia dun modelo no que a equidade nas relacións mercantís é unha quimera. E dun crecemento económico insán. Pero é lamentable que sucesivos Gobernos demorasen a reforma de normas que xa se ve a quen non prexudican. Carlos Agulló

Ningún comentario: