
Aceptei de bo grao ter que pagarlle a facenda un pasteiro por cobrar 3 meses a axuda familiar que me deron por non cotizar o suficiente o ultimo ano. Mordín a lingua cando teño visto que os meus 8 anos de autónomos, pagando un ril de seguridade social, non serviron para nada máis que para desanimar os que pretenden emprender e me piden consello.
Pasei os últimos anos reeducando os meus pais na crenza errónea que tiñan de que alugar era tirar o diñeiro. Reciclo o lixo, aforro auga duchándome, pecho a billa cando lavo os dentes, compro en pequeno comercio e non me automedico. Como 5 pezas de froita e verdura ao día, bebo 2 litros de auga diarios e fago exercicio 4 veces por semana.
E aínda así, cando chega o día 6 de xaneiro, érgome ilusionada para ver se me trouxestes o que pido. E nos dous últimos anos trouxéstesme a mesma merda. Traballo precario que só beneficia ao empresario, suba de impostos, recortes en sanidade e educación, indultos aos banqueiros e desimputacións aos poderosos. Así que este ano non vos vou mandar a carta a vós. Voulla mandar a Correa que é máis efectivo. Déixovos que teño que ir facendo oco no garaxe para o Xaguar
Ningún comentario:
Publicar un comentario