luns, 17 de xuño de 2013

TOCA PENSAR NAS PEMES

Na España de Rajoy caen as empresas e cae o emprego privado, sen que o sector público sexa unha alternativa. É algo que sucede sobre todo nas pequenas e medianas empresas, que en España son as realmente importantes, aínda que non o pareza. Dende que estalou a crise todo estivo centrado en arranxar a banca -a custa dos contribuíntes, por certo-, pero con iso non abonda. Hai que ir máis alá, partindo de que á banca se lle puxeron as cousas realmente doados, mentres que ás 'pemes' non será posible aplicarlles unha receita tan xenerosa, que empezou por asumir as perdas de moitas caixas e algúns bancos, pasou por entender o nivel de risco do propio país e rematou por concederlle fondos públicos e sanear as súas contas, ás veces con axustes internos, outras non tanto.
Da crise sairase cando o país sexa capaz de crear emprego, o cal pasa necesariamente polas pequenas e medianas empresas, xa que España, se ben ten algunhas multinacionais importantes, non é un país de grandes compañías. Xa se fixo unha reforma laboral que contribuíu a rebaixar os soldos e a dar moito marxe de actuación aos empresarios -a ditosa flexibilidade-, de modo que agora toca ir máis alá. Por moitas voltas que se lle dea ao asunto, será difícil avanzar sen unha política fiscal e monetaria expansiva, o cal require a colaboración europea, a falta dunha moeda propia en España.
Como parece que España seguirá no euro, só cabe pensar nun cambio de estratexia da eurozona, que pase por darlle a máquina dos billetes, a risco de xerar un pouco de inflación. É fundamental que Alemaña asuma isto e deixe atrás a súa propia política de austeridade, xa que con tipos de interese tan baixos xa non abonda coas políticas do Banco Central Europeo, sen apenas recorrido.
A depreciación interna española é cada día máis unha realidade -o país empobreceuse moito nos últimos anos- e agora toca pensar no emprego, cambiando de política, en busca do crecemento. Os que se resisten a ceder, sobre todo dende o ámbito alemán, deberían saber que o custo de non se mover pode ser peor. Para todos, tamén para eles.

Ningún comentario: