luns, 5 de maio de 2014

O CHAN URBANO DE TODO O MUNDO TRIPLÍCASE



-O mapa máis detallado do planeta mostra o retroceso das árbores
-Malia o aumento de poboación, os campos de cultivos redúcense
-As zonas polares aínda non reflicten o efecto do quentamento


O mapa máis detallado feito xamais sobre os usos que se dan á superficie terrestre mostra como a urbanización vai comendo terreo a pasos axigantados. No último traballo, o Global Land Co ver-SHARE que publicou a Organización para a Alimentación e a Agricultura da ONU (FAO), se considera ocupado artificialmente xa o 0,6% do terreo. A propia FAO fai unha comparación con outro mapa similar, o GLC2000, de hai 14 anos. Aínda que a tecnoloxía mellorou moito e o detalle do novo mapa é moi superior, entón atribuíase a construcións humanas o 0,2% da superficie. Iso quere dicir que en apenas 13 anos este uso do terreo se triplicou.
Para confeccionar o mapa partiuse das imaxes dos satélites, pero fixo falta interpretalas. John Latham director do proxecto da FAO, aclarou á web de información científica SciDev que en moitos casos houbo que cruzar eses datos cos dos propios países, buscando sempre a información máis exacta (algo que en moitos casos non é doado). Por exemplo, dende o espazo é complicado distinguir se un territorio o ocupan pradarías salvaxes ou campos de cultivo, ou se se trata dunha zona de monte baixo. Para verificar as conclusións, fixéronse máis de mil visitas a lugares de todo o planeta.
Se o aumento da superficie construída é grande en termos relativos, en termos absolutos éo máis a perda de superficie dedicada a zonas arboradas (bosques ou selvas incluídas). Os pulmóns do planeta, clave pola súa absorción de dióxido de carbono e emisión de osíxeno, sofren unha redución continua. En 2000 ocupaban o 29,4% da súa superficie; en 2013, baixara o 27,7%. Malia o descenso, segue sendo a maior proporción entre os 11 usos do terreo catalogados neste mapa (e suponse que nos futuros, xa que, como advirte a FAO, gran parte da utilidade deste tipo de traballo é manter a información actualizada no tempo para saber as tendencias).
Igual de preocupante é a outra cara da moeda. Os terreos desérticos ou improdutivos aumentaron mesmo máis do que os bosques diminuíron: pasaron de ocupar o 13,3% da superficie da Terra a representar o 15,2%.
Curiosamente, malia o aumento de poboación rexistrado neses 13 anos (pasou de 6.100 millóns a 7.200 millóns), coas necesidades de alimentos que eles leva consigo, a superficie destinada a cultivos reduciuse en 3,1 puntos porcentuais, baixando do 15,7% ao 12,6%.
De todos os usos do chan, só hai un que se mantén sen cambios nos 13 anos que separan os dous mapas: o dedicado a zonas de xeos perpetuos (basicamente, as rexións polares, pero tamén os glaciares). A pesar do quentamento, as cifras totais son iguais: o 9,7%. Isto non quere dicir que non haxa desxeo polo quentamento global, senón que este aínda non afecta ás grandes cifras e, tamén, que o mapa mide superficies, pero non volumes: non é o mesmo unha capa de xeo dun quilómetro que unha de 100 metros.
Por último, na parte que se refire a augas continentais (lagos, encoros, ríos), brañas e manglares hai un sorprendente aumento: pasan do 1,7% ao 2,7%. A FAO non dá unha explicación a este fenómeno.
Parte destas variacións, advirte a FAO, poden deberse a diferenzas técnicas, pero mostran tendencias que indican cara a onde vai o planeta: unha Terra menos verde e con máis asfalto, formigón e desertos.

Ningún comentario: