xoves, 20 de setembro de 2007

CIENTÍFICOS AO SERVIZO DO PARTIDO

Javier Guitián (La Voz)
..
Medio ambiente, ciencia e independencia
..
Fai algúns días, un artigo publicado nunha revista de conservación da natureza ocupábase dunha interesante cuestión. Nunha recente reunión da Sociedade Internacional de Bioloxía da Conservación, os científicos discutiron acerca da conveniencia ou non da súa implicación nas cuestións ambientais, máis aló da pura exposición dos datos. Unha enquisa revelou, ao final, que dous terzos dos asistentes estaban a favor de participar activamente neses temas. ¿Preguntáronse algunha vez que pasase en Galicia se nas últimas décadas os científicos e técnicos relacionados co medio ambiente adoptasen esa actitude? Pois fagamos ficción.
Con toda probabilidade, a paisaxe da Galicia litoral sería diferente se no canto de dedicarse a vender as bondades do eucalipto defendesen unha política forestal sostible, sen monocultivos e, probablemente tamén, as actuais ameazas económicas sobre o sector e biolóxicas sobre a especie non chegasen. Imaxínense que ademais de estudar as nosas especies mariñas ou as nosas plantas, os científicos denunciasen activamente a contaminación ou se negaron a asinar informes de impacto ambiental cheos de falsidades; talvez hoxe, parques eólicos, minicentrais ou piscifactorías estarían situadas de forma correcta, respectando áreas ou ecosistemas que todos os cidadáns temos dereito a gozar e obrigación de conservar. Custa imaxinalo, e direilles por que.
Cada decisión política que destruíu o noso patrimonio natural estivo avalada por científicos. Numerosas comisións da Administración contaron coa súa participación e a de técnicos que apoiaron esas barbaridades con «independencia», en xeral, ben remunerada. Elaboráronse centenares de estudos de impacto ambiental pagos e subscribíronse decenas de contratos que deron luz verde a recheos litorais, estradas demenciais, canteiras terceiromundistas pero, iso si, sempre mantendo a «obxectividade». Non o dubiden, cada vez que percorran Galicia e queden perplexos ante unha barbaridade ambiental, busquen responsabilidades nas diferentes Administracións, pero non esquezan que, sen dúbida, contou coa complicidade dalgún experto. Por iso, é necesario que a Administración e os propios científicos reflexionemos sobre se os sistemas de control e avaliación ambiental son independentes e, por que non, sobre se os sistemas de financiamento poden condicionar o resultado destes procesos.
Termino. Sen dúbida, haberá quen pense que o verdadeiramente subxectivo é a miña propia opinión e a doutros que, como eu, cren que as cousas fosen diferentes cunha participación máis activa da comunidade científica na conservación do noso patrimonio natural. A estes recomendaríalles unha visita ás canteiras ou ás obras da nova estrada ao Courel, aos parques eólicos sobre as turberas da Gañidoira ou á piscifactoría de Cabo Vilano. ¡Non dubiden que o estudo de impacto ambiental foi favorable!

Ningún comentario: