venres, 5 de setembro de 2008

DISCIPLINA ORZAMENTARIA

PATENTE DE CORSO PARA ALTERAR A ORDE
.
O ciclo orzamentario dunha Administración articúlase en fases distintas: elaboración e aprobación do orzamento, execución do mesmo e rendición de contas. Esta disciplina orzamentaria resulta esencial para o bo funcionamento da actividade pública. Por iso o proceso está regulado e esixe transparencia e control político. Por iso a desorganización administrativa comeza cando se abandonan ou subvaloran os tempos e as formas que marcan as fases do ciclo citado.
Por exemplo, cantos municipios galegos teñen xa formada, ditaminada e exposta ao público a conta xeral do exercicio do 2007 (como establece a lei), para sometela ao pleno da corporación e remitila ao Consello de Contas antes do 15 de outubro próximo?; cantos concellos están traballando xa na formación do orzamento do 2009 para que a súa aprobación definitiva sexa anterior ao comezo do exercicio (como tamén esixe a lei)?
A información dispoñible respecto diso é demoledora. Só renden contas en tempo e forma a metade dos municipios e aproban definitivamente o orzamento antes de comezar o exercicio o 15% dos mesmos. Unhas porcentaxes verdadeiramente expresivas e decepcionantes. Pero as consecuencias de todo iso son graves para o funcionamento democrático. Porque o orzamento é instrumento de ordenación do proxecto político votado polos cidadáns; porque a prórroga orzamentaria introduce limitacións relevantes nos investimentos, contratos, subvencións e endebedamento; porque se xeran atrasos inxustificados no cumprimento dos obxectivos proclamados e porque a oposición política -goberno noutros municipios- ignora ou non sabe xa exercer este control.
O resultado final dese comportamento xeneralizado é a apatía, a desorganización administrativa, o exceso burocrático e o funcionamento deficiente dos servizos.
Por que non se aproba o orzamento nos prazos legalmente establecidos cando hai estabilidade política? As desculpas son diversas (atascos administrativos, escaseza de persoal, fallos informáticos, urxencias de xestión, etcétera), pero ningunha convence. Porque aprobar o orzamento e render contas son aspectos básicos, prioritarios, para enmarcar a xestión do exercicio. Cando esta orde altérase, aparece a miopía e o caos administrativo.
A maioría dos nosos municipios traballan atrapados por este círculo vicioso, circunstancia que lles impide ademais facer un diagnóstico correcto da situación. E así transcorre a vida municipal. Sen axudas nin sancións. Desorientada pola indiferenza institucional e cidadá. Sen proxecto solvente. Sen orde nin concerto. Embargada pola tristeza e o aburrimento. Unha pena.
.
XOAQUÍN ÁLVAREZ CORBACHO

Ningún comentario: