mércores, 3 de setembro de 2008

NECESIDADE DUNHA SEGUNDA TRANSICIÓN

Unha aguda caída do crecemento económico, tanto no ano en curso como en previsión de crecemento (segundo o Banco de España e The Economist , os peores datos desde o 1993), unha abrupta subida do paro (2.730 parados cada día, segundo o Inem, o peor dato desde 1984), unha inflación desorbitada (o peor dato desde 1995), un insostible déficit exterior (o peor dato da historia, segundo o Banco de España), o peche de miles de empresas, o aumento da morosidade, unha caída en picado da confianza, un encarecemento das hipotecas, e un longo etcétera, son datos que deberían preocupar ao Goberno.
A cidadanía móstrase preocupada, e moito me temo que, máis que a dimensión da crise, o que parece preocupar, e ata atemorizar, é a constatación de que este Goberno non parece ter un plan para loitar contra as distintas ameazas que todos adiviñamos. O peche de empresas e o paro, a crise crediticia, a subida do prezo dos alimentos e da gasolina, a subida da electricidade, as hipotecas, e ata o propio sistema de pensións, están na mente de todos, e todos esperamos unha reacción do noso Goberno, que, sen dramatismos nin interesadas minimizaciones, informe sobre a importancia do problema e dos plans para afrontalo. Xa abonda de eufemismos (desaceleración, período de dificultades obxectivas, freada...) e chamémoslle ás cousas polo seu nome. E neste caso, o nome non é outro que crise.
O presidente Zapatero debe explicar aos cidadáns os seus erros en política económica e deixar aparcadas algunhas das súas obsesións ideolóxicas, como a reactualización do enfrontamento entre as dúas Españas; débello a esa inxente cantidade de cidadáns que o apoiaron.
Por outra banda, tanto a oposición como todos os axentes sociais deben estar á altura das circunstancias. Non é momento para obter rédito político á conta de agravar a situación; é momento para o acordo, o pacto, para unha segunda transición. A primeira transición foi levada a cabo por valores democráticos; agora debe facerse por valores de mantemento e sostén de todo o sistema de benestar social. Os nosos políticos, os sindicatos, os empresarios, os medios de comunicación, deben agora imitar a aqueles outros que tanto fixeron polo noso país e colaborar xuntos no deseño dunha política económica baseada no pacto social que permita a toda a cidadanía afrontar as dificultades que están por vir, e facelo nun clima de acougo e confianza.
.
JUAN MACEIRAS-LA VOZ

Ningún comentario: