xoves, 25 de setembro de 2008

SEN CARGOS POLO PXOM

Retirados os cargos contra dous acusados de provocar incidentes no pleno do PXOM
.
O fiscal retirou onte a acusación contra dous mozos acusados de provocar incidentes e desfeitas no pleno de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo o pasado 29 de decembro. D. S. e S. G, residentes en dúas parroquias da cidade, foron identificados pola policía local no seu momento como presuntos responsables do lanzamento de petardos que provocaron a rotura dunha lúa de cristal no edificio municipal.
Con todo, na vista oral do xuízo os policías que testificaron non puideron identificar con certeza a ambas as persoas como as responsables do lanzamento dos petardos, polo que o ministerio fiscal desistiu de manter a acusación. Tamén xogou ao seu favor a presentación de testemuñas que mantiveron que eles non eran os autores do lanzamento.
A petición fiscal consistía en quince días de multa para cada un deles, a razón de 10 euros diarios, máis a factura de 255 euros para repor a lúa esnaquizada durante esa axitada mañá. Ambos recoñeceron estar na praza do Rei e ata lanzar ovos contra a cristaleira do salón de plenos, pero non obxectos que provocasen danos e moito menos petardos.
O pleno en cuestión foi especialmente polémico debido ao tema que se sometía a debate, un Plan Xeral que levaba sete anos tramitándose e que durante a súa exposición pública recibiu máis de 60.000 alegacións. Ao longo de varios anos celebráronse tamén diversas manifestacións en contra do documento urbanísitco.
Á hora de celebrar a sesión o alcalde optou por minimizar os incidentes evitando a presenza de público. A prohibición do acceso viuse compensada coa apertura dunha porta lateral pola que entraron a sala cargos e simpatizantes socialistas, que deron a imaxe ficticia dun pleno con participación do público. Este feito indignou ás persoas que levaban horas agardando na praza do Rei e ata a axentes municipais que se viron sorprendidos por unha decisión sen precedentes e que tampouco volveu a repetirse.

Ningún comentario: