venres, 14 de novembro de 2008

O FISCAL DENUNCIA DELITOS URBANÍSTICOS

O fiscal denuncia no Parlamento a escalada de delitos urbanísticos
.
Carlos Varela quéixase do "debilitamento" dos controis municipais. O informe avoga por endurecer as incompatibilidades en concellos.
.
Na primeira comparecencia dun fiscal superior de Galicia ante o Parlamento galego, Carlos Varela debuxou un sombrío panorama do urbanismo galego. As denuncias dispáranse de forma "preocupante", impulsadas polo aumento do prezo do chan e "os enormes beneficios que comportan as recualificacións". Trátase polo tanto dunha "fonte de risco de comportamentos corruptos", que combina mal co "fracaso absoluto dos sistemas de control por parte das Administracións públicas".
Unha das causas fundamentais que explican "non poucos casos de impunidade urbanística" radica no "debilitamento das competencias" de control municipal. O fiscal superior alertou de que secretarios, interventores e tesoureiros da Administración municipal "deben xogar un papel crave no control interno da xestión urbanística", a través das súas funcións de fiscalización da legalidade das actuacións municipais. Pero as súas atribucións minguan e a corrupción crece.
Carlos Varela tamén avogou por actualizar o réxime de incompatibilidades do persoal dos concellos e por reforzar os corpos autonómicos de inspección urbanística e as unidades policiais especializadas. "Constituirían medidas eficaces para combater este tipo de corrupción", opinou Varela. Todo iso, "acompañado pola obrigación dos altos cargos de facer público o seu patrimonio ao comezo e ao final do seu mandato". Outra das súas recomendacións consiste na execución efectiva de demolicións de construcións ilegais e a imposición de sancións conminatorias, para "disuadir aos potenciais infractores".
Segundo os datos da memoria de 2007 da Fiscalía Superior, que constituíu o obxecto da comparecencia de Varela, destacan polo aumento das investigacións en materia urbanística as provincias da Coruña e Pontevedra, "onde a presión inmobiliaria é máis acentuada". Na pontevedresa concéntrase o 72% dos procedementos xudiciais relacionados co urbanismo. Os delitos urbanísticos e contra a ordenación do territorio deron lugar en 2007 a 123 dilixencias de investigación penal polas fiscalías provinciais e á interposición de 32 denuncias por edificacións presuntamente ilegais. Os xulgados de instrución incoaron ademais 58 dilixencias previas.
As cifras globais de 2007 que o fiscal presentou aos deputados reflicten unha diminución respecto ao ano anterior do 6,9% no número de procedementos penais, que baixaron a 205.942. As dilixencias previas foron 200.730, un 7,3% menos que o ano anterior, mentres que as de xuízos rápidos aumentaron un 10,8%. Os órganos xudiciais galegos ditaron 25.571 sentenzas. A poboación reclusa, mentres, aumentou un 5,09%, ata alcanzar 4.269 internos, o 6,3% do estatal.
O fiscal propuxo un "novo paradigma de política pública de xustiza", que pasa pola reorganización do mapa xudicial, cunha oferta diferenciada en cada zona; a modernización dos órganos xudiciais, mediante a introdución de novas tecnoloxías, e a creación de órganos instrutores especializados no medio ambiente, urbanismo e delitos económicos. O fiscal recomendou a creación dun observatorio permanente da xustiza.

Ningún comentario: