xoves, 22 de xaneiro de 2009

INVESTIGADORES ADVIRTEN DA PERDA DE BANCOS PESQUEIROS NA RÍA

Unha publicación reúne os traballos de 49 estudiosos sobre o ecosistema mariño vigués
.
Nos últimos vinte anos a Ría de Vigo viu desaparecer as súas dous principais bancos marisqueiros e extinguirse ou descender gravemente polo menos seis especies. "A súa perda de biodiversidade é elevada". Esta é unha das conclusións que se extraen do libro "A Ría de Vigo: Unha aproximación integral ao seu ecosistema mariño". Os seus editores: Alberto González-Garcés (director do Centro Tecnolóxico do Mar), Federico Vilas (catedrático) e Xosé Antón Álvarez Salgado (Centro Oceanográfico) reuniron os traballos de 49 investigadores galegos coa intención de realizar unha completa radiografía da Ría. As conclusións son esperanzadoras, pero reclaman un cambio nas políticas portuarias e económicas: evitar novos recheos, acabar coa sobreexplotación dos recursos e mellorar os sistemas de depuración.
Trátase dun completo volume xestado durante ano e medio, sen pretensións eruditas, dirixido a un lector medio e que pretende converterse en manual para docentes. Abarca desde as condicións xeolóxicas e hidrográficas da Ría, ata o seu funcionamento, contaminantes e riscos. O libro preséntase o día 29 no Centro Social Caixanova e edítao o Instituto de Estudos Vigueses.
Sorprenden algunhas das súas achegas e outras invitan á reflexión. Os estudos recompilados demostran que a contaminación na Ría está diminuíndo, en parte grazas á súa inusual capacidade para renovar as augas. Aumenta, pola contra, a preocupación dos expertos polos recheos e intervencións nas marxes marítimas, para os que piden "máis atención".
Os traballos de investigación realizados polo Centro Oceanográfico, o Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), a Universidade e subvencionados pola Xunta documentan unha caída brusca de especies como o espadín, os birlos, a sardiña e algúns crustáceos como o santiaguiño e o bogavante.
Agresións graves
O libro apunta ao recheo de Bouzas de 1977 como a peor agresión sufrida pola Ría nos últimos cen anos, ao destruír o banco de marisqueo de ameixas e berberechos de maior produtividade. Non se esquece do banco de bivalvos que desapareceu co recheo da Lagoa e do de Areapolvo, en Cangas, que dinamitou o caladoiro máis importante da marxe setentrional, así como os danos irreparables que supuxo depositar lodos e cascallos da autoestrada Vigo-Pontevedra na praia de Vilaboa-Domaio, onde "fai 22 anos que non arraigan os bivalvos".
Os traballos de investigación repasan a evolución histórica da Ría e detectaron un aumento das concentracións de chumbo desde o ano 2006. Os niveis de metais non exceden os límites de seguridade para a saúde pero son "moi superiores" na marxe sur, especialmente en Bouzas e a contorna de Rande.
En canto á calidade das augas para consumo de moluscos e invertebrados, os estudos recompilados establecen que as peores zonas son a ensenada de Baiona, as partes máis poboadas do interior da Ría, as inmediacións do Porto e o estuario do Lagares.
.
Faro de Vigo

Ningún comentario: