O Tribunal Superior (TSXG) dá vía libre á Xunta para demoler o chalé dun concelleiro do PP de Abegondo.
.O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de desestimar o recurso de apelación do Concello de Abegondo en relación á ilegalidade dunha licenza de obra e parcelación concedida ao concelleiro Pedro Sánchez Taboada, do PP. O edil popular, no entanto, nunca acudiu no procedemento, do mesmo xeito que a súa filla, que é quen ocupa a vivenda situada no lugar de Cos e considerada ilegal.
A licenza municipal fora concedida polo Concello cando era alcalde José Antonio Santiso Miramontes, quen despois pasaría a ocupar a Consellería de Agricultura no último Goberno de Fraga. Tras unha inspección de Augas de Galicia, este organismo denunciou o recheo xunto ao río Mero e logo foi a Dirección Xeral de Urbanismo a que presentou a denuncia ao Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, cuxo titular deu a razón á Xunta. «A licenza incumpre os parámetros de edificabilidade previstos na ordenanza municipal de aplicación ao solo clasificado como de especial interese ecolóxico e paisaxístico», reza a primeira sentenza, finalmente recorrida sen éxito polo Concello de Abegondo. Deste xeito, será a Xunta a que decida se leva a cabo a derriba do inmoble.
Curiosamente, o propio Concello abriu un expediente en setembro pasado polo recheo ilegal da mesma propiedade. O concelleiro de Urbanismo de Abegondo, Manuel Fernández, sinalou entón que os lodos de recheo a extraer xunto á ponte da Pasaxe se levaban á leira de Cos, co consecuente risco ambiental pola súa manipulación nas proximidades do río Mero, que achega auga ao encoro de Cecebre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario