domingo, 12 de setembro de 2010

POBRES ESPECULADORES INMOBILIARIOS

Si, pobres de solemnidade. En serio. Para especular como cómpre resulta imprescindible que haxa demanda e, para que haxa demanda son necesarios os demandantes. En definitiva, precisan doutras persoas, humanas por máis datos.
Os bos especuladores galegos non son só determinados promotores. A nivel agregado son igual de relevantes, por exemplo, aqueles emigrantes retornados que adquirían pisos para arrendalos de forma leonina a estudantes. Agora, que apenas restan uns milleiros de universitarios desprazados (30.000, dicía unha recente reportaxe), o bo especulador compra coa esperanza de que outro lle compre á súa vez máis caro. Pero, ai, cada vez quedan menos conveciños novos. Os xubilados non adoitan adquirir pisos nin encostados.
En plena canícula, o banco de bancos deulle a puntilla aos pobres especuladores paisanos. Ese banco non concede hipotecas ao uso. Trátase do Bank for International Settlements (BIS), ou Banco de Pagos Internacionais, con sede en Basilea (Suíza). Talvez pola súa perspectiva, este banco é capaz de dicirlle ao Banco Central Europeo, ao Banco de España e aos pobres especuladores que, por mor da pésima situación demográfica española -posto 206 de entre 223 Estados e territorios do planeta-, o prezo da vivenda poderá derrubarse ata un 75% durante os próximos 40 anos. Iso implica que un apartamento polo que se pagaron 200.000 euros no 2008 valería unicamente 50.000. E isto, á marxe da crise transitoria que nos arrasa.
E ¿como serían as proxeccións específicas para Galicia? Pois considerando que a situación demográfica galega é aínda moito, moitísimo peor -posto 221 de entre 223 no mundo-, a depreciación do metro cadrado galaico superaría holgadamente ese fatídico 75%.
De modo que o pobre especulador galaico debese ser dos máis interesados en estimular a natalidade. Máis que nada porque isto do BIS, que ninguén le por aquí, si que se le en Frankfurt, e o Banco Central Europeo igual indícalle ao Banco de España que concentrar riscos en inmobles xa non é aconsellable nun país sen potenciais compradores. Á fin e ao cabo, se nos recomenda reformar as pensións a causa do esperpento demográfico, a pesar do noso vixente superávit da Seguridade Social, ¿como vai aceptar como garantías bancarias activos que se van a depreciar?

Ningún comentario: