venres, 10 de setembro de 2010

PREMIO Á INCOHERENCIA

O PSOE galego sitúa a dous altos cargos no consello de administración

Raro, raro. O desenlace da inevitable e imprescindible fusión das caixas de aforros galegas non puido resultar máis estraño. Como premio a meses de manobras dilatantes, de receos e agravios do Goberno, de incoherentes cambios de rumbo, o PSOE galego sitúa a dous dos seus máis representativos altos cargos no consello de administración que pilotará os tres anos do axuste da nova entidade financeira, os máis transcendentais para marcar o seu futuro.
A presenza de Mar Barcón, secretaria de Política Municipal dos socialistas galegos e de Salvador Fernández Moreda, secretario provincial do partido na Coruña garante sen dúbida un dos principios que a lei de Caixas aprobada polo parlamento galego pretendía supostamente evitar: a indeseada politización da nova caixa de aforros galega. Resulta sorprendente que o PSOE, que se significou poderosamente durante todo o proceso esixindo unha maior despolitización, sexa agora quen se asegure unha desproporcionada representación. A incoherencia socialista, marca da casa en todo o que se refire ao mapa financeiro galego, como demostrou cando apoiaba e rexeitaba fusións e lei de caixas con horas de intervalo nunha secuencia de actuacións obstaculizadoras e declaracións contraditorias que a punto estiveron de truncar o proceso, non podería recibir tan indebida recompensa se non fose pola indolencia demostrada polos responsables da Xunta no proceso e a cegueira da dirixencia do PP galego, que recibiu un gol por toda a escuadra no último minuto de partido.
Poderá alegar agora a organización que preside Alberto Núñez Feijóo que o penalti era ilegal ou que houbo falta previa ao seu porteiro, pero o feito certo é que o único partido que poderá contribuír a marcar a liña de acción da nova caixa de aforros galega desde o seu consello de administración será o PSOE que lidera, hai que recoñecer que con marrullera astucia, Manuel «Pachi» Vázquez. E non pode dicirse que a capacidade de influencia sexa menor: Salvador Fernández Moreda, será o único presidente de Deputación presente na caixa resultante, nada menos que como vicepresidente primeiro.
Para maior dislate, Barcón e Moreda intégranse no Consello como parte da cota de poder de Caixa Galicia, rompendo así os sectarios esquemas de quen pretendían sinalar a caixa coruñesa como proclive ao PP, á vez que atribuían a Caixanova, que elixiu unha representación estritamente profesional, unha posición supostamente tributaria do PSOE. Tan falsos entón como agora ambos os intentos de descualificación, si conviría aclarar a impertinencia da presenza da número tres do PSOE galego na dirección da nova caixa galega: Mar Barcón mantívose como integrante da asemblea como representante da Coral Polifónica de Betanzos, demostrando unhas ignotas afeccións musicais nun dos feudos municipais do seu partido. A súa presenza no novo Consello non é só discutible. É abertamente incongruente.

1 comentario:

UN VIGUES dixo...

Admito estar completamente de acuerdo con el contenido de este artículo, pero, y perdónenme por ello porque tampoco es que tenga más moral que el Alcoyano, sigo esperando de los socialistas en Galicia lo mismo que esperan bastantes de sus propios integrantes, un cambio profundo de cercanía al pueblo y contra las desigualdades y contra los atropellos de todo tipo, Medio Ambiente incluido. Es por ello, que mantengo ese hilito de esperanza y estoy convencido de que si se quitan de encima a personajes que no les aportan en la actualidad, sino que les restan y mucho, tipo Pachi Vázquez, Abel Caballero, y algunos otros muy parecidos, se produciría un importante cambio a mejor que sería valorado por la Ciudadanía, que en definitiva es lo que les debería importar, si de verdad desean seguir en el poder y gobernar Galicia y en Vigo.