xoves, 10 de marzo de 2011

INFORMACIÓN CON CONTAGOTAS

Opacidade ou falta de transparencia describen a democracia española. O Goberno socialista expuxo, no seu programa electoral de 2004, unha proposta de Lei de Acceso á Información Pública. Por primeira vez facíase referencia ao dereito a saber dos cidadáns, tan obvio nunha democracia. A norma converteuse nunha promesa máis dos mitins electorais. En 2008, o presidente Rodríguez Zapatero reiterou a súa promesa. Hoxe, España está no furgón de cola respecto doutros países da Unión Europea ao non contar cunha lei de transparencia.
O artigo 105 b da Constitución Española garante o acceso a información pública. As administracións non desobedecen a Constitución, simplemente enmascaran en solicitudes e autorizacións, as trabas para acceder aos documentos.
O escaso interese de partidos políticos e administracións públicas, neste acceso á información, é evidente. Aspectos tan temidos como a corrupción, os abusos ou a mala xestión verían a luz coa nova lei. Mentres non exista esta norma, informacións ocultas, como a ideoloxía xenófoba dun partido político en Reino Unido ou o ataque do Exército de Estados Unidos contra un cámara da axencia Reuters, terán que ver a luz a través de altofalantes tan temidos como Wikileaks.
L.P.A.

Ningún comentario: