venres, 10 de xuño de 2011

OS ERE QUE VEÑEN

Non resulta paradoxal que en época de crise os sectores financeiros busquen novas áreas de negocio, pero si que nos últimos anos salienten a súa necesidade de rescate dos servizos públicos. No artigo As Administracións públicas que veñen, de recente publicación, os autores defenden, sen achegar ningún dato a favor, a tan manida rendibilidade das "externalizaciones de servizos" do sector público. Certamente para os accionistas do sector privado nada pode resultar máis rendible que a cesión das infraestruturas creadas co esforzo e a solidariedade de toda a sociedade para despois reclamar o incremento de custo de servizos ou a necesidade da redución do emprego como mecanismo de mellora.
Non é necesario ter demasiada memoria para coñecer como o privado só mellora o público para os accionistas e prexudica tanto aos traballadores como aos usuarios do servizo, baste para iso a lectura no mesmo diario da situación dos actuais traballadores de Telefónica e a comparación do servizo e o custo do mesmo -á cabeza de prezos e cola de velocidade de Europa en acceso a Internet- cos beneficios que anualmente se incrementan e recollen os seus accionistas.
O certo é que case toda externalización finaliza con redución de emprego e salario dos traballadores e aumento do custo de servizo á conta dun empeoramento do mesmo; a diferenza entre ambos será reembolsada na conta de beneficios da adxudicataria dun, en ocasións, dubidoso proceso de selección, decidido e definido en gran parte polos asesores dos nosos políticos. JUAN NETO - Ourense

Ningún comentario: