domingo, 28 de agosto de 2011

REFORMAR A CONSTITUCIÓN

Tiñan dúas opcións. Nun ano no que xurdiron con forza movementos cidadáns como o 15-M, o Goberno e a maior parte da clase política podían corrixir os seus pasos ou, polo contrario, continuar na senda dos oídos xordos. E escolleron a segunda opción. Cando desde as rúas pídeselles que potencien a participación da cidadanía nas decisións importantes, ¿que fan? O Executivo anuncia, co apoio da oposición -levan pedíndoo moito tempo-, unha reforma da Constitución sen referendo para limitar por lei o déficit público. E iso sen ter en conta que se trata dunha medida imposta desde fóra. Pedírona a chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente francés, Nicolas Sarkozy, nunha reunión fai uns días na que, ao parecer, decidiron que debía facer toda Europa.
Reclámaselles tamén unha mellora da lei electoral para que esta sexa verdadeiramente representativa, proporcional e non prexudique a ningún partido político. ¿Que fan? Reformar a lexislación para introducir -sen predicalo moito e coa letra pequena- a obrigatoriedade de que todos os partidos sen representación parlamentaria recollan as firmas do 0,1% dos electores inscritos no censo de cada circunscrición pola que queiran presentarse. Pon, en resumo, máis obstáculos.
Tamén se lles demanda unha maior seguridade no emprego e garantía dos dereitos laborais. ¿Que farán? Suspender, segundo o borrador de real decreto de medidas laborais que o Goberno aprobará o venres, a prohibición de unión de contratos temporais. Durante dous anos, unha persoa poderá acumular un contrato temporal tras outro sen que ninguén teña a obrigación de facerlle fixo. 

Ningún comentario: