sábado, 12 de novembro de 2011

LACAZÁNS


A xulgar polas informacións, os lacazáns están no Norte e Centro de Europa. Explícome: a realidade desmente á alemá Merkel, que pide harmonizar a idade de retiro na Unión Europea. Porque a maldita verdade é que os alemáns xubílanse antes que os españois e os portugueses  traballan menos horas que nós.
O certo e verdade é que a Comisión Europea destaca que cada país ten unha realidade demográfica distinta, así, os xubilados italianos pagan un 15% máis de impostos que os franceses ou os alemáns. Por outra banda, 17.000 millóns de euros é o que gañará o Reino Unido cada ano se amplía a vida laboral en dezaoito meses. Ademais, cabe dicir que a prestación mínima en Italia supón o 80% do salario cotizado. A diferenza nos días de vacacións é o único no que ten razón Angela Merkel: Alemaña establece por Lei un mínimo de 20 días pagos, un e medio máis que a media de toda a Unión Europea.
E é que a dama teutoa tira con bala, cando di: "En países como Portugal, Grecia ou España non se poden producir xubilacións antes que en Alemaña e engade: "non podemos ter unha moeda común e que uns teñan moitas vacacións e outros moi poucas".
Buscaba agravar a loita entre o Norte e o Sur de Europa. Pero lle saíu o tiro pola culata. Segundo cifras de 2009, a media de saída efectiva no caso español é de 62,3 anos, mentres que no caso alemán é de 62,2, xubilándose os xermanos antes. Os portugueses tamén se xubilan máis tarde: 62,6 anos. Se é verdade que os gregos viñan xubilando nove meses antes que os alemáns, pero Merkel non se atreveu a citar aos franceses cuxa media de xubilación está nos 60 anos de idade.
O país galo sitúase na cabeza dos socios europeos con máis días de asueto por ano e a xornada legal de traballo máis curta, sete horas. Os franceses gozan de 40 días de vacacións anuais.
Suxerir que España, que se dispón a atrasar a 67 anos a idade legal de xubilación, harmonice o seu sistema de pensións co alemán, soa algo paradoxal cando ata fai apenas uns meses na veciña Francia podíase deixar de traballar aos 60 anos. Sarkozy impón agora 62 anos se se teñen 41, 5 cotizados e 65 para cobrar o máximo, sen necesidade de cotizar todos os anos...

Ningún comentario: