mércores, 9 de novembro de 2011

NENO RICO NENA POBRE

Hai moitos socialistas que levan aos seus fillos a colexios privados porque consideran que son os centros máis adecuados para a formación dos pequenos e teñen recursos económicos para pagalos. Non se converten por iso nuns burgueses desclasados, unha especie de novos ricos que renegan do ensino público universal e gratuíto.
Tamén hai moitos afiliados ao Partido Popular que elixiron centros públicos para a educación dos seus fillos, convencidos de que neles se imparte un ensino de calidade. Esta elección do público tampouco transforma aos militantes populares en proletarios con escasos recursos, nin os impulsa a defender unha loita de clases de novo cuño.
Por iso, non acabo de entender ese vídeo "neno rico, nena pobre" que os socialistas introduciron na precampaña electoral no que aparece unha empregada de fogar levando a un colexio privado a un neno encorbatado e repeinado, un tanto repipi, que se alegra de que Carmen, a súa coidadora, teña unha filla da súa idade para que cando sexan maiores poida levar aos seus fillos ao cole.
A estas alturas da vida democrática dos españois confrontar o ensino privado coa pública soa a rancio, a un pasado felizmente superado, e un vídeo desta natureza demostra que os autores e o equipo de campaña que o impulsou e aprobou están como fora da realidade -que llo pregunten aos seus conmilitones que levan aos fillos a colexios privados-, andan escasos de luces e faltos de ideas e enxeño creativo.
Na beirarrúa de en fronte, tampouco estivo afortunada a directora de campaña do candidato popular ao dicir que en Andalucía hai escolas e nenos que non teñen pupitres, baseándose nunha imaxe na que os escolares escoitaban sentados no chan a un conta-contos. Con estas mostras de talento o que une aos electores non é a confianza nos políticos, senón o espanto.
En democracia, cada cal é libre de producir e utilizar os recursos que estime oportuno dentro dos límites que establece a Constitución. Pero este vídeo e a réplica popular chirrían a moita xente, sexan socialistas, populares ou xente común, que é incapaz de tragar tanta demagoxia concentrada nunhas poucas secuencias.
Por iso, socialistas e populares farían mellor se confrontaran as súas ideas e presentasen xuntos medidas para mellorar os plans educativos e os programas de ensino para evitar tanto fracaso escolar.

Ningún comentario: