martes, 29 de novembro de 2011

REFLEXIÓN


Ao cumprirse unha semana, seguen coa mesma "matraca": que a maioría absoluta (de absolutista) é un cheque en branco para facer todo tipo de recortes. E é falso...
Ao partido gañador votoulle un trinta por cento do censo. Isto é: un setenta por cento dos españois díxolles "anda e que che ondulen..." e iso sen saber -só supúñano pois lles coñecemos de longo- que ían facer "o que tiñan que facer e que a xente non se cría que farían", segundo dos seus líderes máis dotados para a oratoria...
Xa está explicado que o aumento de parlamentarios (con só medio millón de votos máis que no 2008) débese ao esborralle do PSOE... ao que, mire vostede señor garda, os cidadáns retiráronlle a confianza por iniciar esa carreira de recortes pensionistas, funcionarios, etc..
A dereita catalá chega máis aló: repite o que di o PP e engade que se chegan a contar o que ían facer (metelo na campaña electoral, é a frase empregada) fose un sindeus... Ou sexa, trampa.
Hai outro dato igualmente elocuente: as enquisas do CIS indicaban claramente que a cidadanía non quería retroceder nin un só paso no actual estado da sanidade e da educación e abrazaban outras solucións como a subida de impostos ás grandes fortunas, á banca e ás grandes corporacións, a loita contra a fraude, a posta en valor do concordato con Roma, etc...
Aí están as enquisas do CIS de 2010 e 2011 e o sentido común que non parece moi normal entre a clase política...
E hai, finalmente, outra reflexión que o explica máis claramente ¿é masoquista o cidadán...? ¿Vota a quen lle pon a vida máis cara para que gañen máis eses centos de cidadáns que atesouran o 80% de toda a riqueza do país...? ¿Trátase de facerse o harakiri...? ¿Masoquismo...?

Primeiro aseguráronnos que contaban co apoio de Deus (tiñan soamente o da xerarquía eclesiástica que dirixe o noso paisano Rouco Varela) e logo engadiron a Santiago matamoros. Xa contaban coa Virxe do Pilar que non quixo ser francesa pero, polo si ou polo non, incluíron estes días aos seus: o xefe de Bankia, do BBVA, as caixas...

1 comentario:

UN GALEGO dixo...

Vemos, pois, que o partido que gobernará é un partido minoritario (PP) entre a poboación española, aínda que teña gran maioría en escanos. Por iso é polo que cando o Movemento 15-M denuncie ás Cortes españolas por realizar as políticas impopulares de recortes, por non representar á maioría da poboación, levará toda a razón, pois representarán só a unha minoría. O PP terá un control case absoluto sobre os aparellos do Estado sen que lle votou a maioría dos españois, por moito que os medios pinten en azul o mapa de España. Non hai dúbida de que, de levarse a cabo tales políticas de recortes, ademais de xerar gran conflito social, desacreditarán aínda máis á clase política e á democracia española. As novas xeracións, educadas xa en valores democráticos, son máis esixentes que as que lles precederon e non aceptarán a democracia limitada que temos, resultado dunha Transición inmodélica que determinou unha democracia incompleta, responsable dun benestar insuficiente.