venres, 16 de decembro de 2011

FUNCIONARIO


Cando os nosos queridos lexisladores abren o seu corazón e a súa carteira, para que os cidadáns contemplemos as súas contas correntes -nada correntes por certo- e as súas facendas, o primeiro que observamos (logo das cifras e a "trampilla" de non pór o valor de terreos e inmobles, nin falar de soldos) é que, en contra da mensaxe oficial, o choio non é ser autónomo ou empresario, senón funcionario
Aí está a exemplar vida de don Alberto: un mozo de aldea, que logo de votar a Felipe e pasar entre nervios a noite do 23-F (¡quíxose exiliar en Portugal!) optou por presentarse a unhas oposicións de funcionario... e, desde aí, logo dun curto período como interino -contestatario, iso si, que hai fotos por internet que o certifican- chegou a moi xefe en Madrid e en Galicia, ata, con grandes esforzos -como, por exemplo, aforrar no transporte cando usaba un coche prestado por Citroen-, ter unha vivenda con garaxe en Vigo, outro inmoble en Madrid; unha leira en Santiago e outra en Moaña. E todo isto en "vinte e poucos" anos.
O normal de todo novo que dedicou a súa vida a servir aos demais. Por exemplo a Telefónica, da que ten millón e medio de euros en accións, como todos os españois... E por se as cousas saen mal (mire vostede, gañan aqueles que quedaban coa vaca) ten un peto -plan de pensións- con setenta e cinco mil euros, polo que poderá pagar a comida e a ducha no hospital se algún día ¡non o queira Alá! intérnano no Sergas. Certo que lle queda ademais un depósito a prazo fixo de 111.000 euros aos que suma unha conta "corrientita" de 24.000 euros, por se hai copago.
E todo iso, por ser bo... Se houbera adicado aos negocios, ao fútbol mesmamente como Cristiano Ronaldo, podía ser rico e non como calquera funcionario do montón. Nunca poderemos pagar o seu exemplo e a súa brillante carreira... económica no servizo ao público (risas).
Alégrome... o que non entendo é que, con ese exemplo, non poña en práctica a súa propia experiencia: que cono de axudar aos emprendedores e autónomos; ás pemes e aos comerciantes, ¡faga a todos funcionarios! Terán tres pisos, dúas leiras, millóns...
Vamoss, vamos: a convocar oposicións. J.M.V.

Ningún comentario: