luns, 5 de marzo de 2012

XUSTIZA SOCIAL

Fai dous anos a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o Día Mundial da Xustiza Social ao obxecto de recordar de que era necesario manter e protexer os dereitos dos sectores máis desfavorecidos da sociedade. Neses mesmos momentos a Organización Internacional do Traballo lanzou unha pregunta para o debate: ¿A crise: ameaza ou oportunidade para a Xustiza Social?.
Moitos pensamos que a crise é unha oportunidade de futuro a pesar da gravidade da mesma, que non ten precedentes no noso país que chegou a destruír máis emprego e máis rapidamente que as principais economías europeas. Para iso é necesario un cambio de mentalidades así como a modificación ou reforma laboral, consensuada cos axentes sociais, para evitar que sigan crecendo os máis de cinco millóns de parados e que en España nos quedemos unicamente uns poucos privilexiados, que temos traballo, os parados e os pensionistas.
Non é de recibo que un de cada tres mozos españois non cheguen a traballar nunca por non atopar un emprego, a pesar de ser a xeración mellor preparada da historia do noso país. Nas próximas décadas a solidariedade ten que facer gala no mundo laboral e os que temos a sorte de traballar debemos ser conscientes da angustia que sofren eses millóns de parados para deixar de lado os nosos privilexios e deixar de seguir blindando os nosos contratos á conta dos que buscan exercer un dereito constitucional e humano como é o dereito ao traballo, sen el pouca ou ningunha xustiza social pode existir.

Ningún comentario: